Xunta e concellos avanzan na mellora da limpeza das faixas arredor das aldeas para previr incendios

20251003_conveniobiomasa1O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, presidiu hoxe a comisión de seguimento do convenio da colaboración subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, para a consolidación dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias. Nesta xuntanza, na que estiveron presentes representantes de todas as entidades implicadas, avanzouse nas propostas de cambios necesarios para afondar na mellora deste convenio, tal e como xa avanzara o presidente da Xunta de Galicia en comparecencia parlamentaria.

Deste xeito, entre outras cuestións vaise traballar cos concellos na identificación conxunta das rozas máis urxentes e prioritarias nas faixas secundarias, para que as poida desenvolver Seaga coa maior celeridade posible, así como na revisión das parroquias priorizadas que actualmente están recoñecidas como tal. Así mesmo, na próxima actualización que se acorde do convenio introduciranse cambios para realizar as execucións subsidiarias de xeito máis áxil no caso de que os propietarios estean a incumprir as súas obrigas.

Por outra banda, e tal e como xa se avanzara, fixarase a adhesión dos concellos ao convenio de limpeza con Seaga e o cumprimento dos seus compromisos como unha condición indispensable para recibir financiamento do Fondo de Cooperación Local. Con respecto a este fondo, duplicarase a contía destinada aos labores de limpeza nos vindeiros orzamentos, ademais de reforzar iniciativas de apoio aos concellos.

Tamén se prevé impulsar a plantación de frondosas autóctonas na contorna das parroquias máis afectadas, para que actúen como cortalumes naturais. Esta é unha actuación que xa se contempla dentro do actual convenio, pero que se intensificará.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información