Xunta e Cegacol ultiman un convenio por 2,6 millóns de euros para a mellora do rendemento leiteiro

A Xunta e o Centro Galego de Control Leiteiro ultiman a súa colaboración na mellora xenética das razas e o aumento da rendibilidade das explotacións. O orzamento máximo para desenvolver esta cooperación no período 2016-2019 é de 2,6 millóns de euros, dos cales 560.000 euros corresponden ao presente exercicio de 2016

Xunta e Cegacol ultiman un convenio por 2,6 millóns de euros para a mellora do rendemento leiteiro

Reunión entre Belén do Campo e responsables de Fefriga e do Cegacol

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, reuniuse onte co coordinador do Centro Galego de Control Leiteiro (Cegacol), Ramiro Fouz, e co presidente da Federación Frisona Galega (Fefriga), José Carlos Vega.

Este encontro de traballo tivo por obxecto ultimar a sinatura, prevista para próximas datas, dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Cegacol para a realización de probas co obxectivo de determinar o rendemento leiteiro do gando vacún dentro do Programa Galego de selección e mellora da raza Frisona, para o período 2016-2019.

O orzamento máximo para desenvolver esta cooperación no referido período é de 2,6 millóns de euros, dos cales 560.000 euros –como contía máxima– corresponden ao presente exercicio de 2016.

A Xunta aportará ao Cegacol 2,6 millóns de euros no período 2016-2019

Este convenio servirá para regular as condicións de cooperación entre ambos departamentos co fin de levar a cabo un correcto desenvolvemento das probas que determinen o rendemento do gando leiteiro daquelas explotacións que participen no Control Leiteiro Oficial e mellorar así a calidade xenética do gando vacún frisón de Galicia. Así, o Cegacol comprométese a realizar a toma de mostras e recollida de datos para o control de rendementos.

A recompilación dos datos recollidos e a súa correcta asignación aos animais inscritos no Libro Xenealóxico da Raza requiren unha alta eficiencia nos rexistros para garantir a fiabilidade da información, dado que a finalidade do control leiteiro oficial é a valoración xenética dos reprodutores de cara a determinar cales son mellorantes. Un control leiteiro eficiente é, xa que logo, unha premisa básica para acadar un programa de mellora propio que implica que os produtores non dependan do material xenético importado.

Un control leiteiro eficiente é imprescindible para un programa de mellora xenética propio

Mediante este convenio facilítaselle tamén ás explotacións unha ferramenta fundamental na súa xestión, posto que permite ao gandeiro tomar decisións técnicas de gran importancia como son a optimización da alimentación dos animais de acordo coa súa produción ou a eliminación de femias pouco eficientes, obtendo así un maior grado de produtividade. Isto permitiralle obter unha mellor calidade do leite e, por conseguinte, unha maior solvencia económica e rendibilidade para a explotación.

Por outra parte, neste encontro entre a directora xeral e os responsables do Cegacol tamén se avaliou a colaboración prestada pola Consellería do Medio Rural con este organismo, ao asumir o custe do desenvolvemento da aplicación de xestión informática do control leiteiro, así como os gastos do seu mantemento e mellora. Nos últimos cinco anos a achega total da Xunta para financiar estes traballos foi de 277.313 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información