
A Xunta de Galicia redactou o texto do Proxecto de Decreto polo que se determinan as actuacións dirixidas a reducir e evitar a contaminación producida por nitratos procedentes de fontes agrarias en Galicia. O documento elaborouse en cumprimento da Directiva 91/676/CEE, coñecida como “Directiva de nitratos” da Unión Europea.
Sen embargo, dende o executivo galego argumentan que non se poderá aplicar o decreto ata recibir do Ministerio para a Transición Ecolóxica o estudo de presións que determine as augas afectadas pola contaminación por nitratos de orixe agrario. Ese estudo, afirman, é imprescindible para a posterior designación das zonas vulnerables por parte das comunidades autónomas.
Medio Rural proxectara inicialmente sete zonas vulnerables a nitratos, pero ante as dúbidas sobre a súa correcta identificación e boa delimitación, devolve a ‘pataca quente’ a Madrid
Antecendentes
Inicialmente, a Xunta proxectara no 2025 a declaración de sete zonas vulnerables a nitratos, pero ante a petición do sector gandeiro de que se acotaran mellor as zonas vulnerables, Medio Rural opta agora por devolver a ‘pataca quente’ a Madrid. A cuestión é que non en todas estas zonas queda acreditada que a contaminación teña unha orixe agraria. O sector gandeiro tampouco está de acordo con parte das delimitacións efectuadas inicialmente pola Xunta.
O proceso para declarar zonas vulnerables a nitratos suma xa unha década de sucesivos retrasos en Galicia. O primeiro anuncio fixérase no Parlamento no ano 2017, seguido dun proceso no que Xunta e Ministerio se pasaban responsabilidades e culpas.
Finalmente, no 2022, trala publicación dun mapa de augas afectadas do Ministerio de Transición Ecolóxica, quedou meridianamente claro que polo menos en Galicia tiña que haber unha zona vulnerable a nitratos na comarca da Limia, con prazo de declaración ata o ano 2025.
Situación actual
Así as cousas, polo momento continuará sen haber novas obrigas legais en relación á xestión dos nitratos agrarios, pois Medio Rural sinala que hai que agardar polo estudo que di que lle corresponde elaborar á Dirección General de Aguas do Ministerio para la Transición Ecológica.
É decir, polo de agora vanse manter as actuais condicións de manexo agronómico, especialmente no tocante a fertlización dos solos, en tódalas comarcas agrarias, incluída a Limia, a máis sinalada polos problemas de contaminación de acuíferos e eutrofización de augas no encoro das Conchas.
Malia non ter recibido o estudo ministerial, a Xunta destacda que se está a tramitar o decreto autonómico para determinar o procedemento aplicable, así como para elaborar os correspondentes códigos de boas prácticas e os programas de actuación.
Cómpre lembrar que as persoas que exerzan unha actividade agraria deberán aplicar obrigatoriamente estes códigos de boas prácticas e os programas de actuación sobre as zonas vulnerables. A elaboración de ambas as dúas medidas corresponde á Consellería do Medio Rural, pero unha vez definidas as ditas áreas.
Dende a Xunta lembran que a normativa europea impón aos Estados membros a obriga de identificar as augas que se atopen afectadas pola contaminación por nitratos desta procedencia, cuxas concentracións deberán ser vixiadas nunha serie de estacións de mostraxe.

Nas zonas onde finalmente se apliquen restricións, haberá avaliacións de evolución cada 4 anos
O Real decreto do Goberno central establece as medidas necesarias para reducir a contaminación das augas superficiais continentais, as augas de transición, as augas costeiras e as augas subterráneas, causadas polos nitratos procedentes de fontes agrarias, regula as zonas vulnerables e prevé que corresponde ás comunidades autónomas designalas.
A documentación do proxecto elaborado pola Xunta de Galicia xa foi recibida polas organizacións profesionais agrarias que forman parte do Consello Agrario para que poidan remitir as súas alegacións, cuxo prazo de presentación abrangue ata o 3 de setembro.
E é que dende comezos de 2025 se está a producir un debate sobre as actuacións a desenvolver en comarcas como a Limia, o Deza ou parte das concas do Tambre e do Ulla, entre outros puntos.
Nuns casos dubídase de que o exceso de nitratos se deba á actividade agraria e, noutros, pídense prazos amplos para poder buscar alternativas de manexo que permitan ás explotacións manter a actividade mentres se adaptan á normativa.
A Directiva de nitratos establece que os órganos competentes das comunidades autónomas no caso das concas intracomunitarias, deberán deseñar programas de mostraxe e seguimento da calidade das augas integrados nas redes de control establecidas nos correspondentes plans hidrolóxicos para o seguimento do estado das augas superficiais, das augas subterráneas e das zonas protexidas.
Ditos órganos autonómicos deberán tamén remitir ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a información necesaria sobre as súas actuacións no exercicio das súas competencias, para elaborar cada catro anos o informe de situación sobre a contaminación causada por nitratos procedentes de fontes agrarias, que debe ser comunicado á Comisión Europea.

Polo de agora non hai limitacións específicas para as zonas máis vulnerables a nitratos
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico debe facer públicos, cada catro anos, os mapas de localización das augas afectadas pola contaminación por nitratos, en especial polos de orixe agraria, así como das augas que poderían verse afectadas pola dita contaminación se non se toman as medidas oportunas.
Os mapas deben publicarse a través do portal web do departamento e conterán, polo menos, a localización das estacións da rede de seguimento, os valores de concentración, as masas de auga asociadas e outros datos oficiais relacionados coa designación e delimitación das zonas vulnerables declaradas polas comunidades autónomas, detalladas no mesmo informe de situación.
Pódese consultar o texto íntegro do proxecto de decreto da Xunta neste ENLACE.
Limitacións nas aplicacións de nitróxeno por hectárea
Cando se declara unha zona vulnerable a nitratos, existen limitacións de aplicación de nitratos orgánicos, que se derivan das normativas europeas, estatal e autonómica. O habitual é establecer limitacións diferentes por cada cultivo. E dentro de cada cultivo, tamén se permiten distintas aplicacións en función das toneladas de produción esperada, é dicir, autorízanse diferentes doses de abonado segundo o rendemento previsto.
Do mesmo xeito, establécense doses distintas en función de se o cultivo está implantado en secano ou un regadío, e mesmo se estratifican as aplicacións en función dos tipos de secano e regadío.
Para tódolos cultivos, con carácter xeral, o abonado orgánico está limitado a 170 kg. de nitróxeno por hectárea e ano, cantidade que pode acadar os 210 kg dependendo de determinados cultivos ou condicións autorizadas, equivalentes aproximadamente a uns 60.000 ou 70.000 litros de xurro. Con independencia de que haxa un ou dous cultivos en rotación ó ano na mesma parcela, aplica ese límite para o conxunto do ano.
En definitiva, a previsión é que en Galicia as explotacións agrarias en zonas vulnerables teñan que levar un rexistro estricto dos abonos aplicados. A cuestión que queda por concretar, e que é clave, son os límites de abonado totais que se van autorizar para cada cultivo e as zonas afectadas.
Galego









Control OJD