A directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, recoñeceu esta semana na Comisión de Agricultura do Parlamento Galego que o Ministerio de Agricultura non apoiou a demanda da Xunta de limitar os casos nos que un produtor lácteo pode renunciar a un contrato de longa duración co comprador.
A representante de Medio Rural informou de que a Consellería “tomou a iniciativa de modificar esta normativa para intentar que os contratos teñan unha duración real dun mínimo dun ano”. Neste sentido, lembrou que a normativa europea -regulamento 1308, artigo 148.2 establece o dereito do gandeiro a rexeitar por escrito a duración mínima dun ano do contrato, “algo que sabemos que os compradores utilizan para presionar aos gandeiros para que exerzan ese dereito”.
A Consellería propúxollo ao MAGRAMA, pero esta lista finalmente non foi adiante
Neste sentido, Patricia Ulloa afirmou que “a Xunta o que defendeu é que só se utilizase iso en casos excepcionais, nunha lista pechada e xustificada, porque sabemos que é unha ferramenta de extorsión nas negociacións contractuais”.
Sen embargo, “a Consellería propúxollo ao MAGRAMA, pero esta lista finalmente non foi adiante”, recoñeceu a representante da Xunta.
Outra das iniciativas que defendeu a Xunta para equilibrar o sector produtor en relación ao sector comprador nas negociacións contractuais foi a prohibición de que os compradores negocien directamente cos produtores que sexan socios dunha OPL. Tamén se propuxo dende a Xunta de Galicia impedir normativamente que o sector da distribución poida utilizar o leite e os produtos lácteos como produtos reclamo.
A oposición critica que a Xunta lle bote a culpa ás OPL
Pola súa parte, a oposición criticou ao goberno da Xunta de Galicia acusándoo de non ter feito os deberes para preparar ao sector lácteo para a desaparición do sistema de cotas a partir do 1 de abril, así como polo que consideran falta de peso político para defender aos gandeiros na reforma do chamado paquete lácteo.
A este respeito, Tereixa Paz, do BNG criticou a “actitude neglixente da Xunta, xa que parece ser que a ministra e a conselleira tiñan un acordo sobre isto no verán, pero despois a ministra reuniuse coa industria e coa distribución e pregouse ás súas demandas, quedando en papel mollado os acordos anteriores coa Xunta”, entre eles, supostamente estaría a eliminación da renuncia aos contratos de longa duración.
Dende Alternativa Galega de Esquerda, Antón Sánchez criticou que no borrador de Decreto referido ao paquete lácteo “fálase dunha figura de mediador cosmética, á que recorrerán as dúas partes se están de acordo, (…) co que na práctica se permite que os máis grandes exploten aos gandeiros galegos”. De igual xeito, lamentou que a Xunta non fixera os deberes “para potenciar as fortalezas das explotacións galegas nun escenario sen cotas: ter base territorial suficiente e ter industria transformadora”.
Pola súa parte, Pablo García, do PsdeG-PSOE, pediu o cese inmediato da directora xeral de Produción Agropecuaria por acusar ás dúas organizacións de produtores lácteos -ULEGA e APROLAC de “a data de hoxe non foron quen de levar a termo nin unha soa negociación co sector comprador” e instar a que “deben estar xestionadas dun xeito máis profesional e asumir a responsabilidade” polo seu fracaso negociador. “Acusa ás OPL, aos gandeiros da crise de prezos no sector, vostede non ten límites”, espetoulle o deputado socialista.
Só o 25% dos contratos lácteos teñen unha duración igual ou superior a 12 meses
A directora xeral explicou tamén, en resposta a outra pregunta, que a día de hoxe o 100% do leite recollido se fai ao amparo dun contrato, tendo en conta os controis administrativos do Plan Nacional de Controis do Paquete Lácteo.
En canto á duración dos contratos, segundo os datos do GECOLE -a base oficial de contratos lácteos xestionada pola INLAC- a media en Galicia está en 5,18 meses, sendo de 8,18 para as cooperativas e de 3,66 para as entregas de leite que non son cooperativas. Só o 25% dos contratos lácteos tiñan unha duración igual ou superior a 12 meses.
En canto ao prezo, a 30 de novembro de 2014, o 82% dos contratos tiñan un prezo fixo e só o 18% tiña un prezo variable. Neste sentido, Patricia Ulloa animou a industrias e gandeiros a que fagan uso das ferramentas dispoñibles para referenciar o prezo do leite nos contratos, caso da Xacobea.