A Xunta destinará máis de 2,6 millóns a axudas para compensar e previr os danos da fauna silvestre

A Consellería de Medio Ambiente activará por primeira vez compensacións para indemnizar ataques do oso, xunto coas do lobo e o xabaril. Tamén haberá unha liña de finanzamento para medidas de prevención

A Xunta destinará máis de 2,6 millóns a axudas para compensar e previr os danos da fauna silvestre

Unha parcela de millo afectada polo xabaril na zona de Lalín este verán. // Foto de arquivo.

O Goberno galego destinará o próximo ano un total de 2,63 millóns de euros á concesión de axudas para previr e paliar os danos ocasionados pola fauna silvestre. Esta contía mobilizarase a través de catro liñas de subvencións públicas diferentes. As medidas inclúense nun informe da Consellería de Medio Ambiente presentado no Consello da Xunta celebrado este mércores.

As subvencións convocaranse de forma escalada ao longo das vindeiras semanas. Segundo as estimacións de Medio Ambiente en base ás convocatorias anteriores e ó orzamento dispoñible, prevén conceder arredor de 3.000 axudas a propietarios de explotacións gandeiras (incluídas as apícolas) que poidan sufrir ataques de lobos ou osos, e a titulares de explotacións agrícolas profesionais ou de autoconsumo afectadas polo xabaril.

A convocatoria do próximo ano contará cunha partida de 646.224 euros para paliar os danos producidos polo lobo, o que supón un incremento do 61,5 % respecto aos 400.000 euros que se destinaron a esta liña en 2020. As contías concedidas variarán en función das especies afectadas e dos tramos de idade, oscilando entre os 26 euros dun exemplar de gando ovino/cabrún adulto e os 1.817 euros dunha vaca de raza autóctona de entre 2 e 6 anos de idade. Estes importes poderán incrementarse nun 30 % en determinados concellos indicados na propia orde e nun 10 % no caso daquelas ganderías en que se teña comprobado a aplicación de medidas preventivas avaliadas de xeito favorable. Tamén serán subvencionables os gastos veterinarios, de eutanasia e animais abortados como consecuencia dos ataques.

Axudas de ata 2.000 euros por danos do xabaril

En canto á orde de axudas para paliar os danos dos xabarís sobre os cultivos agrícolas, o ano que vén resérvanse para este programa 1.447.300 euros. As contías das subvencións que se concedan dependerán da superficie afectada e poderán chegar ata un máximo de 2.000 euros por beneficiario. Deste xeito, increméntase o importe límite que no 2020 estaba fixado en 1.700 euros.

Outra das novidades do paquete de axudas fronte á fauna salvaxe para 2021 é que haberá orzamento reservado para previr e paliar os danos causados polo oso pardo, circunstancia que afecta principalmente á provincia de Lugo. Sacarase por primeira vez unha liña específica con 60.000 euros para estes danos.

As contías variarán en función das especies afectadas e, no caso concreto das explotacións apícolas, dos elementos danados da alvariza e do grao de afectación. Tamén se compensarán os danos ocasionados polo oso aos rolos de herba. Haberá unha indemnización de 30 euros por rolo completo e 10 euros polo plástico envolvente.

Prevención fronte ao lobo, o xabaril e o oso pardo

No 2021 tamén se convocará unha nova orde de axudas para previr e evitar os danos derivados dos ataques da fauna silvestre. Esta liña estará dotada con 480.000 euros fronte aos 350.000 da orde de 2020, o que supón un aumento do 37 %.

Desta contía, 300.000 euros reservaranse para danos causados polo lobo. Concretamente, destinarán 200.000 euros para a adquisición de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada, e 100.000 euros para a compra e instalación de valados fixos. Outros 150.000 euros da orde de axudas de prevención irán para tratar de evitar os danos provocados polos xabarís.

A principal novidade é que se inclúe unha partida de 30.000 euros para a compra de pastores eléctricos co fin de protexer do oso pardo as explotacións apícolas. Neste caso, terán preferencia aquelas granxas que xa teñan experimentado danos previos e estean situadas nos concellos da zona oseira e a súa área de influencia (Baleira, Cervantes, Folgoso do Caurel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Rubiá, Samos, Triacastela e Vilamartín de Valdeorras).

En canto á contía das axudas para prevención de danos producidos pola fauna silvestre, calcularanse en función dun baremo fixado na propia orde atendendo a diferentes aspectos. En todo caso, as axudas poderán ser de ata 500 euros por can protector do gando; ata tres pastores eléctricos e 600 euros ou ata oito mallas e 800 euros por explotación. No caso de valados fixos electrificados, subvencionarase un máximo de 2 valados cun importe de ata 1.500 euros cada un, mentres que para os valados fixos con malla gandeira ou cinexética metálica a axuda cubrirá ata dous valados por un importe máximo de 3.700 euros.

Tres dos catro programas de axudas en materia de indemnización e prevención de danos da fauna silvestre para o ano 2021 convocaranse nas próximas semanas, mentres que a liña reservada ás indemnizacións polo oso pardo non sairá previsiblemente ata o mes de marzo. A Xunta publicará as axudas de prevención e as dos danos do lobo e do xabaril por anticipado de gasto, para cubrir así os dous períodos críticos para o sector: a sementeira e a recollida do millo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información