O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, mantivo esta mañá un encontro con alcaldes dos concellos de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga, Samos e O Incio, para analizar os danos causados polos lumes forestais rexistrados na zona do Courel. Así, adiantoulles que o seu departamento destinará catro millóns de euros en axudas para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras que se viran afectadas por estes incendios.
Neste senso, José González lembrou que onte mesmo o Consello da Xunta deu conformidade ao decreto de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante este mes de xullo. Así, serán un total de nove millóns, dos cales catro corresponden á Consellería do Medio Rural.
Durante a xuntanza mantida, o conselleiro trasladoulle aos rexedores que esta convocatoria de axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e por rateo, cuns límites máximos que estarán fixados na convocatoria segundo o tipo de beneficiario. Estes topes, explicou, oscilarán entre os 3.000 euros e os 50.000 euros.
Así mesmo, José González subliñou que, no caso das subvencións para explotacións forestais, poderán concederse axudas para a reposición das infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais e a maquinaria e equipamento forestal danados como consecuencia dos labores de extinción dos incendios. Tamén, para a madeira amoreada queimada e de corta, recollida e esteladura da madeira queimada non comercial ou traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes sen xestión pública, nas zonas afectadas polos lumes.
No que atinxe ás explotacións agrícolas e gandeiras, o conselleiro indicou que as axudas cubrirán a reposición dos bens, equipamentos, maquinaria, medios de produción, producións e gando ou colmeas danados, así como a subministración de alimentación complementaria de gando ou colmeas nas zonas afectadas polos incendios.
O Sindicato Labrego solicita que se cubran todos os custos ocasionados polo lume
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) esixe á Xunta de Galicia, a través das consellerías correspondentes, que “cubran o 100% dos custos ocasionados sobre as vivendas, instalacións agrarias e auxiliares, a perda de animais e de colleitas, e todas as perdas que se puideran ocasionar por mor dos incendios”.
“Cada unha das hectáreas, fogares e granxas queimadas son responsabilidade da Xunta de Galicia, polo que debe asumir as consecuencias habilitando o presuposto necesario”, defenden dende a organización agraria.
Ademáis, dende o SLG anuncian que no mes de setembro, nos Consellos Agrario e Forestal, “proporemos debater os cambios precisos no modelo de prevención de incendios para actuar con máis eficacia e, no seu caso, os medios e recursos imprescindíbeis para poñer fin ás vagas de lume que cada verán chegan aos nosos montes, ás nosas colleitas, aos nosos animais, e que previsiblemente coa crise climática pode que haxa anos que se siga a incrementar o risco”.