A Xunta destinará 300.000 euros a impulsar novas comunidades enerxéticas en Galicia

A nova convocatoria de axudas apoiarase na xeración e consumo compartido de enerxía renovable para fomentar o aforro, a descarbonización e a autonomía enerxética nos concellos galegos

A Xunta destinará 300.000 euros a impulsar novas comunidades enerxéticas en Galicia

A Xunta de Galicia lanzará nos vindeiros días unha nova convocatoria de axudas destinada á planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, cun orzamento de 300.000 euros. O anuncio realizouno o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, durante a presentación do inicio das obras da comunidade enerxética Romarigo, promovida polo Concello de Cangas do Morrazo.

Segundo explicou Fernández Vila, estas iniciativas constitúen unha ferramenta fundamental para avanzar na descarbonización da economía, promover a implantación das enerxías renovables e mellorar a eficiencia enerxética. Ademais, permiten que cidadanía, empresas e administracións poidan xerar, consumir e compartir enerxía limpa de forma local.

A presentación celebrouse coincidindo co arranque dos traballos da comunidade enerxética Romarigo, unha infraestrutura fotovoltaica apoiada polo Instituto Enerxético de Galicia. O proxecto contará cunha potencia nominal de 100 quilovatios e unha potencia pico de 130 quilovatios, dando servizo directo a 37 socios, entre familias e negocios locais do municipio pontevedrés.

A comunidade enerxética permitirá aos seus participantes obter un aforro anual conxunto superior aos 15.000 euros, grazas á produción e consumo compartido de electricidade de orixe renovable.

Durante a súa intervención, o director xeral destacou o compromiso de Galicia coa transición enerxética e cun modelo máis sostible e autosuficiente. Neste sentido, sinalou que a instalación de paneis fotovoltaicos e a creación de comunidades enerxéticas contribúen a reducir os custos da enerxía, minimizar o impacto ambiental e xerar novas oportunidades económicas no territorio.

Fernández Vila subliñou tamén que estas fórmulas favorecen a creación de emprego e a fixación de riqueza no ámbito local, ao tempo que reforzan a independencia fronte ás fluctuacións dos mercados enerxéticos. Ademais, avanzou que a nova orde de axudas para comunidades enerxéticas será publicada a próxima semana no Diario Oficial de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información