A Xunta destina 6,8 millóns para activar en 2026 o primeiro mercado voluntario de carbono de Galicia

A Xunta destinará 6,8 m€ a activar o primeiro mercado voluntario de carbono de Galicia para compensar emisións con proxectos que reduzan ou absorban CO2. Entre as iniciativas que poderán participar nestas transaccións destaca a reforestación e conservación de bosques ou o impulso de enerxías renovables

plantacion eucaliptos estandar

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o Decreto polo que se regula o primeiro sistema voluntario de créditos de carbono de Galicia, unha iniciativa que se porá á disposición de empresas, entidades, organizacións e mesmo da cidadanía para que poidan compensar as súas emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) mediante a compra de créditos xerados por un amplo abano de proxectos con capacidade para evitar ou capturar dióxido de carbono (CO 2).

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático destinará 6,8 millóns de euros a poñer en marcha esta iniciativa, cun funcionamento similar ao dun mercado virtual no cal se busca poñer en contacto os promotores de actividades xeradoras de créditos de carbono cos potenciais interesados en adquirilos voluntariamente e con independencia de que teñan ou non a obriga legal de compensar emisións.

Deste xeito, Galicia será pioneira en España, xa que contará en 2026 co primeiro mercado voluntario de carbono que, mediante a incorporación das novas tecnoloxías e de elementos innovadores, permita realizar operacións de comercialización e velar polo seu seguimento posterior.

Entre as iniciativas que poderán integrarse no sistema e participar nestas transaccións cómpre citar proxectos relacionados coa reforestación e conservación de bosques, restauración de ecosistemas mariños e costeiros, adopción de prácticas agrogandeiras rexenerativas ou impulso e uso de enerxías renovables, entre outros. Cada tonelada de CO 2 absorbida equivalerá a 1 crédito de carbono que se porá á disposición tanto dos propios beneficiarios como das persoas intermediarias.

Neste sentido, dende a Consellería de Medio Ammbiente e Cambio Climático destacan que “aínda que o sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta ten como obxectivo principal contribuír á neutralidade climática de Galicia —mediante o fomento de actividades que ou ben eviten a liberación de CO 2 ou contribúan a aumentar a súa capacidade de absorbelo—, suporá tamén unha oportunidade de desenvolvemento económico e ambiental para o conxunto da Comunidade en eidos como o forestal, a economía azul e a acuicultura ou o enerxético”.

Para facilitar as operacións entre os promotores dos proxectos e os beneficiarios que adquiran os créditos porase en marcha unha plataforma electrónica que xestionará o novo mercado voluntario mediante transaccións verificables e certificadas, dotándoo así de rastrexabilidade e seguridade.

Con tal fin, antes da súa incorporación ao sistema, os proxectos serán sometidos a un proceso de validación inicial que os certifique como iniciativas de absorción de carbono e a unha validación continua posterior que acredite o cumprimento das accións previstas e dos créditos xerados.

O desenvolvemento da plataforma que dará soporte e garantirá a interoperabilidade do novo sistema de créditos de carbono farase no marco do SICLE CO 2, un dos oito proxectos galegos escollido este ano no marco da convocatoria de compra pública innovadora, financiada nun 40 % pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e nun 60 % con fondos europeos da liña FID, que busca apoiar solucións baseadas na I+D+i que non están dispoñibles no mercado ou que necesitan ser adaptadas.

En total, o proxecto SICLE conta cun orzamento de 6,8 millóns de euros, dos cales 6 millóns se destinarán a licitar este ano a referida plataforma —co obxectivo de que entre en funcionamento a comezos de 2026— e 800.000 euros a poñer en marcha as accións de comunicación do mercado e a oficina técnica que xestionará todo o sistema.

O decreto aprobado hoxe tamén prevé crear un comité técnico para a avaliación das metodoloxías necesarias para o cálculo dos créditos de carbono de cada proxecto. Galicia, líder en capacidade de absorción

Galicia ten un gran potencial desde o punto de vista da capacidade de absorción de carbono. De feito, a metade dos proxectos de compensación e de captura de CO 2 rexistrados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no conxunto do estado son galegos.

Ademais, segundo o último inventario nacional correspondente ao ano 2023, Galicia é a comunidade autónoma que máis dióxido de carbono absorbe: 8,9 millóns de toneladas anuais de CO 2 equivalentes, é dicir, un 57 % máis que en 1990, ano de referencia a nivel mundial para as políticas climáticas.

Por iso, coa posta en marcha do primeiro sistema voluntario de compra de créditos de carbono de Galicia, a Xunta quere contribuír a acadar o obxectivo da neutralidade climática no horizonte de 2040, incluído no proxecto da Lei do clima que aprobou a semana pasada o Consello e co que aspira a darlle rango legal a este compromiso.

Para logralo terá que seguir reducindo as emisións de GEI —de feito, Galicia lidera a clasificación nacional, cunha diminución das emisións netas do 61,7 % respecto a 1990— ao tempo que busca equilibralas coa súa capacidade de absorción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información