A Xunta destina 3 millóns de euros para a promoción de denominacións de orixe e IXPs

A Xunta destina 3 millóns de euros para a promoción de denominacións de orixe e IXPs

Imaxe de arquivo.

O Consello da Xunta avaliou esta semana unha nova convocatoria de axudas destinadas á cooperación en actividades de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos acollidos a réximes de calidade.

Estas axudas, que ascenden a 3 millóns de euros para este 2025, distribuiranse en 2 millóns para a presente anualidade e 1 millón para o exercicio 2026. A súa publicación no Diario Oficial de Galicia está prevista para este mes de marzo.

Os beneficiarios destas achegas serán grupos de produtores, entendidos como titulares de explotacións agrarias e instalacións de transformación de alimentos, sempre que os seus produtos estean amparados por denominacións de orixe protexidas (DOP), indicacións xeográficas protexidas (IXP), produtos ecolóxicos ou de artesanía alimentaria.

Entre as accións subvencionables inclúense actividades de información e difusión sobre os requisitos técnicos dos réximes de calidade e os seus fundamentos científicos. Tamén se financiarán misións comerciais, plans estratéxicos, estudos de mercado e a creación de produtos.

Ademais, inclúense accións dirixidas á organización, o patrocinio e participación en foros, intercambio de coñecemento entre empresas, concursos, exhibicións, exposicións, feiras, visitas educativas e outros eventos.

Na reunión do Consello da Xunta aprobouse a exención da achega de garantías para os beneficiarios, o que lles permitirá recibir pagamentos parciais sen necesidade de avalar as cantidades cobradas, mellorando a súa liquidez para afrontar os gastos de promoción.

Desde 2016, a Consellería do Medio Rural leva investidos máis de 35 millóns de euros neste tipo de axudas, co obxectivo de reforzar a posición dos agricultores na cadea de valor e mellorar a información dispoñible para os consumidores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información