A Consellería do Medio Rural destinará neste 2026 un total de 2,38 millóns de euros a 64 Asociacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG), co obxectivo de seguir avanzando na consolidación dun bo estatus sanitario da cabana gandeira galega. Así figura no informe avaliado hoxe polo Consello da Xunta, que tamén recolle a evolución destas achegas e a súa repercusión no sector primario galego ao longo dos anos.
Beneficiarase á totalidade de ADSG existentes, e implica esgotar a contía da convocatoria, publicada a finais de 2025.
A través deste orzamento financiaranse os gastos derivados da compra de material funxible como luvas e calzas, así como tubos de extracción de sangue e agullas. Tamén se facilitará a contratación de 162 persoas veterinarias para planificar e executar os programas de saneamento.
O fin principal destas subvencións é avanzar na mellora deste estado sanitario mediante a execución de programas zoosanitarios comúns para a prevención e control de enfermidades dos animais. Estas achegas serven para abordar o control de determinadas enfermidades que habitualmente non son obxecto de programas nacionais, o que permite manter o excelente estatus sanitario da cabana gandeira galega, referente a nivel nacional, e garantir a rendibilidade das explotacións e a comercialización dos animais e dos seus produtos.
Ademais, coa solicitude de axuda, as ADSG comprométense na execución de todas as medidas adicionais en materia sanitaria que sexan necesarias nas explotacións a elas adheridas, segundo as condicións sanitarias da zona e as características particulares de cada agrupación, polo que poden colaborar na vixilancia de enfermidades como a lingua azul ou a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE).
Así mesmo, a través destas achegas preténdese estimular a integración de gandeiros na ASDG. Actualmente hai un total de 65 ADSG na comunidade para gando bovino, ovino-cabrún, porcino, aves, coellos e visóns.
Están integradas nestas asociacións preto de 8.600 explotacións, maioritariamente as máis grandes e profesionalizadas. A especie con maior número de explotacións integradas é o gando bovino, con máis de 7.000 explotacións. Dende Medio Rural salientan que a Xunta destinou desde o ano 2012 algo máis de 32 millóns de euros para reforzar o labor destas entidades e mellorar as condicións hixiénicas das explotacións.
Orixe e funcións das ADSG
A orixe destas entidades remóntase aos anos 80, cando foron fundamentais colaborando coa administración na loita contra a peste porcina africana. A enorme eficacia mostrada por estas agrupacións na loita contra esta enfermidade fixo que ano 1996 se regulara o seu funcionamento, ampliando o ámbito de actuacións a outras especies animais diferentes da porcina.
As ADSG defínense como asociacións constituídas por gandeiros para a elevación do nivel sanitario-zootécnico das súas explotacións mediante o establecemento e execución de programas de profilaxe, loita contra as enfermidades animais e mellora das súas condicións hixiénicas, que permitan mellorar o nivel produtivo e sanitario dos seus produtos.
A pertenza a este tipo de agrupacións é unha garantía sanitaria para as explotacións. O soporte técnico co que contan as ADSG, unido á cada vez maior profesionalización do sector gandeiro integrado nelas, redunda nun nivel sanitario cada vez maior, o que se traduce na mellora das producións e na comercialización sen trabas de animais e produtos na nosa comunidade.
Estas agrupacións constitúen ademais unha peza fundamental na rede de epidemiovixilancia sanitaria de Galicia, están a desenvolver un papel substancial no asesoramento e mantemento dunhas correctas medidas de vixilancia sanitaria e de bioseguridade das explotacións gandeiras, e colaboran estreitamente cos servizos veterinarios oficiais.
Galego









Control OJD