O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a resolución das axudas concedidas pola Consellería do Medio Rural ás agrupacións de defensa sanitaria gandeira (ASDG) de Galicia para o período 2021-2022. Un total de 66 entidades resultaron beneficiarias das achegas, que suman 2,15 millóns de euros.
Estas axudas están destinadas a desenvolver os programas de prevención e control de enfermidades dos animais nas ganderías por medio de programas de zoosanitarios. “Os orzamentos permitirán a estas entidades abordar o control de determinadas enfermidades animais que non adoitan ser obxecto de programas a nivel nacional, a excepción da rinotraqueite bovina infecciosa (IBR), xa que foi establecido un programa nacional voluntario por parte do Estado en setembro do 2019”, aclaran dende a Consellería de Medio Rural.
A partida económica financiará aqueles gastos derivados da contratación de servizos técnicos veterinarios para a realización dos programas zoosanitarios, así como a compra de material funxible como luvas, calzas, tubos de extracción e agullas. Os programas de planificación zoosanitaria deberán realizarse entre o 1 de marzo do 2021 e o 28 de febreiro do 2022.
– Consulta aquí os detalles da resolución da convocatoria.