A Xunta destina 2 millóns de euros á loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro

Medio Rural proxecta liberar no 2018 un total de 1,6 millóns de exemplares do insecto parasitoide da praga, o ‘Torymus sinensis’. O problema xa está presente no 80% do territorio galego

A Xunta destina 2 millóns de euros á loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro

Exemplares do insecto parasitoide da praga, preparados para a súa solta. / Arquivo.

A avespiña do castiñeiro colonizou Galicia case por completo en menos de catro anos. A praga detectouse por primeira vez no 2014 e a mediados deste ano, a Xunta calculaba que o 56% dos Concellos galegos xa sufría o problema. Medio Rural eleva agora a presenza do problema ó 80% do territorio. Ante esta situación, a Consellería multiplicará por 12 as soltas do insecto parasitoide da praga, o ‘Torymus sinensis’, ao longo do 2018.

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, avanzou hoxe no Parlamento que a Consellería destinará para o ano 2 millóns de euros á solta de 1,6 millóns de exemplares de ‘Torymus sinensis’. Este ano, o esforzo fora de 300.000 euros, cunha solta total de 133.000 exemplares.

Un dos problemas que ralentizou a loita biolóxica foi a reticencia do Ministerio de Agricultura a autorizar soltas masivas do insecto parasitoide, á espera de comprobar que non tivese consecuencias sobre a entomofauna autóctona.

Os primeiros tratamentos experimentais aplicados pola Xunta no 2016 e este 2017 centráronse en zonas nas que había unha “presenza suficiente” da avespiña, pois “se non hai un nivel de afectación mínimo, a loita biolóxica non é efectiva”, valorou Fernández Couto.

Procedementos
Esas primeiras experiencias de loita biolóxica serviron tamén para comprobar a necesidade de afinar o intre da solta dos ‘Torymus’. “En Galicia temos unha gran variabilidade climática e dentro de cada souto, unha gran variabilidade de árbores que brotan en intres distintos. As fiestras biolóxicas para a solta son pequenas. O momento ideal é cando o castiñeiro ten follas duns 4 centímetros e as bugallas da avespiña están verdes”, detallou o director xeral.

“Quizais nun souto teñamos nun intre un 20% de castiñeiros en situación ideal para a solta e 15 días despois teñamos que aplicar unha segunda solta porque están nesa fiestra outro 80% dos castiñeiros. Estamos falando dun traballo árduo no que teremos que aprender dos niveis de acerto e erro”, sinalou Fernández Couto.

Convenio co Concello de Ríos para un programa de promoción do castiñeiro

O Consello da Xunta desta semana acordou a súa aprobación á sinatura dun convenio co Concello de Riós (Ourense) para un programa de promoción do castiñeiro para o periodo 2017-2019. Por medio do convenio, a Xunta dotará de técnicos especializados no castiñeiro ó Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós.

O obxectivo é que os técnicos asesoren ós produtores en todas as cuestións relativas a plantacións, cultivo e comercialización da castaña, así como en aspectos relacionados con licenzas e permisos que se poidan precisar. Outra cuestión na que se traballará é na formación especializada para o sector a través de xornadas e cursos.

A idea de Xunta é que o Centro lle dea servizo tanto ós produtores da comarca de Conso-Frieiras e Monterrei coma ós do resto da provincia de Ourense, que aglutina, segundo a Xunta, o 75% da produción galega de castaña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información