
Helicóptero da Xunta para a loita contra os lumes. Foto: Arquivo
O Consello da Xunta autorizou este xoves á Consellería do Medio Rural para que proceda á contratación de oito helicópteros de tipo lixeiro destinados á loita contra os incendios forestais ata o ano 2026, por un importe total de 13,4 millóns de euros.
En concreto, contratarase o servizo de seis helicópteros de extinción con dúas brigadas helitransportadas e outros dous helicópteros de coordinación cos seus técnicos correspondentes.
A Consellería do Medio Rural amplía o tempo de contratación anual dos helicópteros de extinción, pasando de 3,5 a 5 meses ao ano dispoñibles
“Esta licitación persegue unha loita contra os incendios forestais eficaz. Tendo en conta o número medio de lumes e a súa simultaneidade, cómpre dispoñer de medios aéreos que poidan chegar a calquera punto da xeografía galega e na maior brevidade posible”, xustifica a Xunta.
Medios aéreos dispoñibles
Xunto co servizo destas aeronaves, tamén se contratan dúas brigadas helitransportadas compostas por un total de 12 persoas entre técnicos de brigada, peóns condutores, peóns e emisoristas. A Xunta dispón dunha brigada helitransportada propia para este tipo de helicópteros e prevese a creación doutras tres brigadas propias máis.
A Xunta dispón dunha brigada helitransportada propia para este tipo de helicópteros e prevese a creación doutras tres brigadas propias máis
En canto aos dous helicópteros de coordinación, o servizo tamén inclúe ata oito profesionais entre técnicos coordinadores e técnicos analistas de imaxes e vídeos. Estas dúas aeronaves empregaranse nas tarefas de vixilancia e coordinación dos medios aéreos durante os labores de extinción dos lumes que se producen.
O Servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais da Xunta disporá para a vindeira tempada de alto risco de incendios dun total de 18 medios aéreos, entre helicópteros de extinción e coordinación e avións de carga en terra. A estes súmanse os cedidos polo Goberno central ata completar unha trintena de aeronaves, ao igual que na época de alto risco deste ano.