A Xunta destaca as vantaxes para o sector forestal da futura Lei de Recuperación en Posta en Valor da Terra Agraria

A Xunta destaca as vantaxes para o sector forestal da futura Lei de Recuperación en Posta en Valor da Terra Agraria

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu esta mañá no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón) a reunión do Consello Forestal de Galicia. Este órgano asesor da Xunta coñeceu os detalles da futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia. O propio conselleiro explicou os contidos desta norma, que iniciará proximamente a súa tramitación e que o responsable de Medio Rural está presentando aos diferentes sectores económicos e sociais que se van ver beneficiados tras a súa entrada en vigor.

José González destacou que “esta lei xorde, precisamente, como resultado das conclusións do Ditame da comisión parlamentaria forestal tras os lumes de 2017 e recolle 22 recomendacións deste Ditame, polo que está moi vinculada a este sector, pero non unicamente a el, xa que abrangue as terras con vocación agraria, forestal e gandeira, é dicir, os tres usos”.

Así, o seu principal obxectivo, como salientou o conselleiro, “é loitar contra o abandono e facilitar base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, ao tempo que se procura anticiparse aos lumes e traballar, en definitiva, pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación no rural”.

José González dixo tamén que esta lei facilitará, entre outras cousas, o contacto entre os interesados en poñer a producir os predios e os seus propietarios e ademais promoverase a recuperación produtiva das terras agroforestais a través de diversos mecanismos voluntarios baseados nos arrendamentos ou na compra-venda, entre outros. Para todo isto, contémplanse tamén beneficios fiscais e outras medidas de fomento de proxectos de recuperación de terras.

Así, o conselleiro sinalou que a norma basearase, fundamentalmente, no uso e potenciación de ferramentas voluntarias coma os polígonos agroforestais, os proxectos de xestión conxunta da terra, a iniciativa de aldeas modelo e as permutas de especial interese agrario. Tamén se impulsarán dous instrumentos clave, como son o Banco de Terras, que se axilizará, e o Banco de Explotacións. Este último servirá para facilitar o contacto entre agricultores e gandeiros que vaian deixar a súa actividade e outras persoas interesadas en darlle continuidade, co fin de evitar o seu desmantelamento e o das terras que as conforman.

Outros asuntos

O conselleiro trasladou que este foi o tema central do Consello Forestal, pero que ademais tamén se trataron outros asuntos, entre eles o inicio do proceso de revisión doutra lei importante para o sector, como é a futura norma sobre prevención e defensa contra incendios forestais. José González puntualizou que o proceso de elaboración desta lei procura o máximo consenso posible e que por iso se conta cos propios integrantes do Servizo de loita contra o lume, así como cos seus representantes sindicais, entre outros colectivos, cos que precisamente -lembrou o conselleiro- se reuniu o pasado venres, para tratar de procurar unha norma o máis consensuada e enriquecida posible.

Outro tema abordado no seo do Consello Forestal foi o das axudas ao sector e neste sentido o titular de Medio Rural destacou que ao longo dos próximos 2 meses vanse convocar subvencións por importe de preto de 29 millóns de euros. Entre estas achegas salientan as dedicadas a fomentar a creación de novas superficies -especialmente de piñeiros e frondosas caducifolias, tales como castiñeiros ou carballos-, as axudas para accións silvícolas, así como as primas para mantemento de forestacións e as destinadas a proxectos de ordenación.

Ademais, a orde do día do Consello Forestal completouse cun informe sobre o desenvolvemento lexislativo da Lei de montes de Galicia, mediante disposicións que se están a tramitar e entre as que destacan o decreto polo que se crea e regula o rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas, que está previsto publicar no DOG en vindeiros días, segundo anunciou o conselleiro.

Nesta liña, José González tamén trasladou que se está a traballar noutro decreto polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e doutro tipo, como poden ser os de pastos, micolóxicos ou de resinas, ou na norma pola que se modificará a organización e o funcionamento do Consello Forestal, co fin de adaptalo ás políticas de boa gobernanza e transparencia que marca a Unión Europea.

Finalmente, o conselleiro avanzou que outro decreto en elaboración regulará os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo, para impulsar estes terreos e darlle seguridade xurídica na súa organización e funcionamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información