A Xunta destaca que xa mobilizou máis do 71% dos fondos do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027

O orzamento total programado do PEPAC para Galicia supera os 847 millóns de euros de gasto público total para o conxunto do período. O Sindicato Labrego Galego pide explicacións sobre a falta de fondos destinados ás axudas, entre elas as axudas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas (MEDIDA 6613) e o Establecemento de persoas agricultoras novas (MEDIDA 69611).

20260430_ConseMR_Pepac_RibasSilA mobilización de fondos do Plan Estratéxico da Política Agrícola Común (PEPAC 2023-2027) de Galicia supera actualmente o 71 % no que atinxe ao gasto público total programado (que inclúe o cofinanciamento de Xunta e Goberno Central) e achégase ao 72 % no que se refire unicamente ao importe do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Estes datos foron avaliados hoxe polo Comité de Seguimento Rexional do PEPAC, reunido en Sober (Lugo) e que ademais de contar con diferentes representantes da Consellería está integrado por membros do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Comisión Europea. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañou esta tarde aos participantes nesta xuntanza durante a súa visita á adega Pazo de la Cuesta, beneficiaria de axudas do Feader.

O comité de seguimento, que estivo presidido pola secretaria xeral técnica da Consellería, Marta Forés, constatou “o elevado grao de mobilización de fondos dun plan que canaliza o investimento público global no rural galego, contabilizando tanto as achegas europeas como as estatais e autonómicas”.

Dende a Consellería do Medio Rural destacan que “esta boa xestión fixo posible que a nosa comunidade vaia recibir preto de 1,5 millóns de euros adicionais, como consecuencia da activación, por primeira vez, do mecanismo de boa execución do PEPAC”. Este investimento vén da aplicación da regra N+2 establecida pola Comisión Europea, segundo a cal os importes comprometidos nun exercicio orzamentario deben executarse antes do 31 de decembro do segundo ano seguinte. En caso contrario, os fondos son liberados automaticamente e distribúense entre as diferentes comunidades autónomas cumpridoras.

O orzamento total programado do PEPAC para Galicia supera os 847 millóns de euros de gasto público total para o conxunto do período, cunha achega de fondos Feader que se aproxima aos 580 millóns.

Adega Pazo de la Cuesta

No contexto desta reunión de traballo, os integrantes do Comité tiveron a oportunidade de coñecer varios proxectos financiados con fondos Feader. Así, onte visitaron a gandaría de Pazos SCG, situada no concello coruñés de Mazaricos, e esta tarde a adega Pazo de la Cuesta en Ribas de Sil, unha empresa familiar con forte arraigamento histórico pertencente á Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Esta adega recibiu varias achegas financiadas polos fondos de desenvolvemento rural por importe de máis de 285.000 euros, que lle permitiron mellorar as súas instalacións e equipamento, así como impulsar o enoturismo.

O Sindicato Labrego Galego pide explicacións

Pola súa parte, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) que participou nesta reunión do Comité de Seguimento Rexional do Plan Estratéxico da PAC de España (PEPAC), canda outras entidades e organizacións galegas, así como a Consellería do Medio Rural, Ministerio de Agricultura e Comisión Europea, pediu explicacións sobre a falta de fondos destinados ás axudas, entre elas as axudas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas (MEDIDA 6613) e o establecemento de persoas xoves agricultoras (MEDIDA 69611).

O 31 de xaneiro de 2025 presentamos a este Comité observacións relativas a certas medidas que teñen que ver coas intervencións no sector agrícola e gandeiro. Nestas observacións manifestamos a preocupación do Sindicato Labrego Galego ante o claramente insuficientes fondos para medidas que se convocan todos os anos e para o período que aínda quedaba naquel momento. “Somos conscientes de que incrementos de dotación nunhas intervencións significan minoracións noutras e, precisamente por esta causa, debemos ter claros e coñecer os criterios que fixeron que se dotaran certas medidas cunhas cantidades determinadas e non con outras; e por que modificamos unhas cantidades posteriormente nun sentido ou noutro. Nós non coñecemos a autoría do reparto inicial nin os criterios que se seguiron para facelo”, sinalou na reunión a gandeira Ana Rodríguez Vázquez, representante do SLG no Comité de Seguimento.

Tendo en conta isto, ao reparar no documento “Situación de execución e avances na xestión do plano estratéxico da PAC 2023-2027”, “a nosa preocupación pola falta de fondos para os anos que faltan (para este exercicio de 2026 nalgúns casos e do exercicio 2027) aumenta moito”, recoñece a representante do Sindicato Labrego. Por iso, solicitaron á autoridade de xestión que explicara dentro do Comité de Seguimento, “como ten pensando facer fronte á falta de fondos, manifestada xa en moitas das medidas, e detivémonos no caso das Axudas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas (MEDIDA 6613) e o Establecemento de persoas xoves agricultoras (MEDIDA 69611)”.

Axudas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas

Ana Rodríguez fixo fincapé en que, na acta da cuarta sesión do Comité xa se sinalaran os inconvenientes de minorar en 40 millóns de euros a medida 6613 “Axudas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas”. “Nesa data, xa mostrabamos a nosa sorpresa polo feito de que uns meses antes parecían necesarios 60 millóns de euros nesa medida dos que, pouco tempo despois, sobraban 40 millóns. O feito de que esta medida en concreto se convocara durante varios anos con cargo aos remanentes do PDR 2014-2022 non foi suficiente para paliar esa baixada tan forte de fondos desta medida, como era previsíbel”, asegurou a representante do SLG.

“Para o Sindicato Labrego Galego esta axuda é unha das máis importantes do segundo piar da PAC, polo reparto fundamental que se fai e porque é a axuda na que priman as persoas labregas a título principal”, declarou a representante do SLG no Comité de Seguimento, subliñando que a Consellería do Medio Rural ten que amosar de maneira clara e anticipada información ao respecto da mesma. Tendo en conta a situación do sector, “necesitamos saber as previsións para o ano 2027”, afirmou Rodríguez, aludindo directamente á Consellería.

Establecemento de persoas novas agricultoras

Ademáis, o SLG solicitou que a autoridade de xestión informara a este Comité sobre os motivos para non resolver a convocatoria do ano 2025 para a medida 69611. “Sabemos que solicitaron 380 mozos e mozas e que había un orzamento de 16 millóns de euros”, lembrou a gandeira, destacando que neste 2026 o orzamento co que se conta é de 23 millóns de euros para facer fronte ás que están sen resolver do ano 2025 máis as novas do 2026.

Nese senso, o Sindicato Labrego Galego solicitou o 16 de abril nun escrito á Consellería do Medio Rural información sobre os expedientes de incorporación de persoas mozas e plans de mellora, cuxo plano finalizou o pasado 9 de abril. En concreto, solicitaron, en detalle, cantos deles corresponden á orde de axudas do ano 2026 para a incorporación á actividade agraria (MR404A) e cantos ás axudas para investimentos vinculadas a estas (MR405F), indicando, tamén, cantos fixeron solicitude conxunta de Incorporación e Plan de mellora; separando aqueles que proveñen de expedientes de 2025, dos que son novas solicitudes. “Esta solicitude de información non foi contestada nesta data, polo que hoxe solicitamos esta información no Comité Rexional de Seguimento. Os datos que nos foron revelados este 30 de abril testemuñan unha baixa nas solicitudes de incorporacións, motivada pola inseguridade e o pouco empeño da Consellería en, realmente, que as mozas e os mozos se incorporen nunha actividade agraria: 542 solicitudes de incorporacións, sendo 270 da convocatoria de 2025 e 272 de 2026; e 319 solicitudes de plans de mellora -135 de 2025 e 184 de 2026-”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información