O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que Galicia xa executou “o 100%” dos máis de 211 millóns de euros que recibiu Galicia para este período da PAC, que permiten beneficiar “a máis de 24.100 solicitantes”, destacando a “axilidade e boa tramitación” das axudas.
Neste sentido, o Consello da Xunta avaliou na reunión deste luns o proxecto de acordo sobre a tramitación dos pagamentos das axudas agroambientais que foron aboadas nos últimos días do mes de xuño: En concreto, 25 millóns vinculados a estas achegas, o que supón case 5 millóns máis con respecto á campaña anterior, beneficiando a case 6.000 explotacións.
Con respecto aos diferentes pagamentos da PAC da actual campaña, a Consellería do Medio Rural asegura que realizou, a finais de 2023, o pagamento da maior parte dos importes: case 140 millóns de euros. Así mesmo, a finais do mes de maio completouse o pagamento da totalidade do importe da axuda dos ecorréximes, o que supuxo o desembolso de case 17 millóns de euros.
Ademais, na segunda quincena do mes de xuño, a Xunta comprometeuse a facer efectivos os pagamentos pendentes das axudas directas, que non podían ser executados na súa totalidade ata ter o valor dos importes unitarios que facilita o Ministerio. Neste mesmo período, polo tanto, tamén se efectuou o pagamento dos preto de 25 millóns de euros das axudas agroambientais, o que beneficiou un total de 5.930 expedientes.
Por outra banda, a conselleira informou de que para a vindeira campaña da PAC 2024 xa se recibiron unhas 23.400 solicitudes. Neste sentido, Rueda volveu reclamar ao Ministerio de Agricultura poder reducir a carga burocrática á hora de pedir este tipo de achegas, así unha unha maior adaptabilidade do PEPAC (Plan Estratéxico da PAC) á realidade galega.