A Xunta descarta seguir pagando axudas por danos do lobo, tralo aumento da súa protección

A entrada en vigor da inclusión do cánido no Listado de Especies de Protección Especial, que vén de formalizarse, indigna ás comunidades da Cornisa Cantábrica, que pedirán a paralización da medida mesmo por vía xudicial

A Xunta descarta seguir pagando axudas por danos do lobo, tralo aumento da súa protección

Foxo do lobo en Viana, sistema tradicional empregado no pasado para a caza do cánido en toda Galicia. / Arquivo.

Novo capítulo do enredo no que se convertiu a xestión do lobo. O Goberno, pese a tódalas queixas do sector agrario e das comunidades da Cornisa Cantábrica, vén de incluír o lobo no Listado de Especies de Protección Especial, o que na práctica implica que se restrinxe aínda máis a súa caza. En Galicia, Medio Ambiente podía conceder autorizacións para batidas en caso de danos reiterados, pero agora ese procedemento vese anulado. Medio Ambiente anuncia ademais que cancelará a liña de indemnizacións por ataques do cánido ó gando.

“Foi o Ministerio para a Transición Ecolóxica o que quixo ter a potestade sobre o lobo e é o propio Ministerio quen debe solventar os danos que poida provocar o lobo” -advirte a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez-. “A comunidade queda nun aparte”, conclúe.

Vázquez sostén que a orde bota por terra o Plan para a Xestión do Lobo en Galicia e argumenta que, dado que a Xunta non poderá aplicar medidas de xestión e control, tampouco debe facer fronte ós danos que provoca o cánido. Medio Ambiente anuncia ademais unha fronte común con Asturias, Cantabria e Castilla y León para pedir a derogación da orde, e planea acudir á vía xudicial.

Reaccións
Desde Unións Agrarias xa reaccionaron ó anuncio da Xunta e, en nota de prensa, tachan de “intolerable” a situación provocada polo cambio de status xurídico do lobo. Desde Unións recoñecen que a inclusión do lobo no Listado de Especies de Protección Especial provoca un baleiro xurídico inmediato, en tanto a normativa das comunidades autónomas non se adapte á actual situación, pero piden que os gandeiros non queden abandonados temporalmente fronte ós danos do lobo.

“Unións insta ó Ministerio e á Xunta a deixar de xogar ó frontón político cos intereses dos gandeiros e emprázaos a que solucionen as actuais incertidumes legais e a que, no prazo dun mes, renoven as liñas de axudas por ataques do lobo ó gando”, sinalan.

A organización tamén pide que se aclare, en que casos sería agora posible a caza do animal, en base a criterios científicos e técnicos, de cara a garantir a convivencia da actividade gandeira coa conservación da especie. Unións lembra que en Galicia hai máis lobos que en toda Francia ou que en Escandinavia, polo que advirte da necesidade de controis de caza.

Medida “ideolóxica”
Desde a organización Asaga, sucesora da extinta Asaja Galicia, consideran pola súa banda que o aumento da blindaxe do lobo “levará á gandería á extinción”. O seu malestar co Ministerio para a Transición Ecolóxica é grande, pois consideran que tomouse unha medida “tendenciosa e ideolóxica” baseada nunha falsidade, como é -din- a de que o lobo estea ameazado en España.

Ademais, Asaga acusa á ministra Teresa Ribera e ao seu equipo de “falta de palabra, pois comprometéronse a negociar o protocolo de xestión da especie antes de tomar esta medida de incluír ao lobo no Listado de Protección Especial”. Por ese motivo, piden a dimisión da ministra, Teresa Ribera.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información