A Xunta deixa sen axudas a moitas ganderías afectadas pola EHE, denuncia o SLG

A Consellería avanza na aprobación dunhas axudas para facer fronte aos efectos da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica nas explotacións que non abarcan nin gastos veterinarios, nin os abortos e baixadas de produción, asegura o sindicato

A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, nunha rolda de prensa o pasado mes de agosto

A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, nunha rolda de prensa o pasado mes de agosto

O SLG denuncia que as axudas anunciadas pola Consellería do Medio Rural para facer fronte aos gastos ocasionados pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) deixan fóra a moitas explotacións que este verán sufriron esta doenza nos seus rabaños. 

“A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Manuel Pardo, reuníronse este mércores con Asaga e Unións Agrarias. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, que fomos a única organización agraria que estivemos denunciando os problemas da EHE e demandando axudas e medidas, non foi convocado a esta xuntanza”, explica a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba.

“Se cadra como nós pedimos que cubran todos os gastos derivados perdas, abortos, baixadas de produción etc. non lles interesa oír. É incrible que non cubrindo estas cuestións básicas ainda se atrevan a declarar que pode que lles sobren cartos entre o que aporta o Ministerio e o que cofinancia a comunidade”, apunta.

Os gastos veterinarios concrétanse en 20€ por animal censado e non inclúe os positivos non obtidos con probas de sangrado

“Polo que adiantaron non só non van pagar este tipo perdas, senón que só van cubrir os casos nos que se sangrasen aos animais e desen positivo. Isto é descoñecer, ou obviar, as situacións ás que nos estamos tendo que enfrontar as gandarías, comezando polo feito de que no seu día os veterinarios oficiais non daban chegado ás granxas para sangrar e a xente moitas veces viuse obrigada a recorrer aos clínicos como puido, ao que hai que engadir que logo hai moitos retrasos nos laboratorios”, explica.

Dende o SLG reiteran que as axudas ás granxas deben cubrir todos os casos nos que estivo a enfermidade. Ademais, insisten en que á Consellería deberíanlle tamén valer as probas no caso de animais tratados polos veterinarios clínicos das explotacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información