O conselleiro do Medio Rural, José González, compareceu na mañá deste martes día 11 de abril no pleno do Parlamento galego para abordar a recuperación da terra agraria en Galicia. Sobre este asunto, apuntou que desde o ano 2020 se teñen mobilizado arredor de 35.000 hectáreas mediante figuras como as aldeas modelo e os polígonos agroforestais ademais de concentracións parcelarias.
José González defendeu a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, vixente desde o 21 de maio de 2021, como fundamental na loita contra o abandono do territorio e o despoboamento do rural e facer fronte aos incendios forestais. González destaca que a Lei de recuperación busca dar solucións ás terras en estado de abandono ou infrautilización. Outro obxectivo é reducir a complexidade da estrutura de propiedade en Galicia de cara á viabilidade económica das explotacións ampliando a súa base territorial.
O conselleiro destacou que esta norma traballa da man da Lei de mellora da estrutura territorial de Galicia, mediante a que se seguen a decretar e rematar concentracións parcelarias. Uns obxectivos, apuntou, que tamén contaron co visto bo do propio Parlamento e dos axentes sociais, tales como as organizacións agrarias, as asociacións do sector primario e diferentes colexios profesionais.
González destaca que a Lei de recuperación busca dar solucións ás terras en estado de abandono ou infrautilización
Para conseguir ditos obxectivos, explicou o titular de Medio Rural, leváronse a cabo unha serie de análises encamiñadas a localizar tanto a demanda como a oferta de terra agraria. Unha vez identificada a demanda, buscáronse e identificáronse as zonas preferentes de actuación e desenvolver diferentes instrumentos de mobilización de terras.
Instrumentos de mobilización e recuperación de terras
O conselleiro José González sinalou que para frear o despoboamento rural, estase a potenciar a figura das aldeas modelo, que buscan poñer en marcha actividade económica orientada á produción de calidade, sempre desde o criterio da sustentabilidade social, económica e ambiental. Esa recuperación do territorio permite exercer a planificación preventiva do mesmo, freando así a afectación dos incendios forestais a través desa actividade agrogandeira. Un escudo natural que no pasado verán se puido comprobar cos lumes que pararon nas aldeas modelo de Parada dos Montes (Pobra do Brollón) e de Osmo (Cenlle).
Tamén se busca rehabilitar de forma integral o núcleo das aldeas, de maneira respectuosa cos criterios de arquitectura tradicional. Estes plans nacen de cooperacións públicas e privadas. González lembrou que tamén se aposta polas “aldeas intelixentes”, coa conectividade dixital, a autosuficiencia enerxética e a s últimas tecnoloxías nas explotacións agropecuarias que as integran.
José González sinalou que para frear o despoboamento rural, estase a potenciar a figura das aldeas modelo para poñer en marcha actividades económicas orientadas á produción de calidade
Outro tema foron os polígonos agroforestais, sobre os que González matizou que son unha ferramenta decisiva para a recuperación de terras. Estas figuras permiten actuar en zonas de grande extensión e con diferentes características, actuando preferentemente nas concentracións parcelarias que presentan un abandono superior ao 50%.
A Consellería tamén puxo en marcha un Plan de pastos de Galicia, mediante o cal se están a levar a cabo pastos e obras de infraestruturas asociadas co fin de poñer en valor terreos que poidan ser empregados para a actividade gandeira. A Consellería súmalle ademais o Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, coa recuperación de soutos tradicionais, estreitamente ligado á posta en valor destas áreas.
A figura legal para o desenvolvemento das ferramentas de recuperación de terras será o Banco de Terras. O Banco de Explotacións porá en contacto titulares de explotacións que abandonan a actividade con persoas interesadas en incorporarse á actividade agrogandeira. Tamén teñen unha gran relevancia no marco da Lei de recuperación as permutas de especial interese agrario. Así, o conselleiro indicou que xa hai en marcha un proxecto piloto en Friol, ao que se lle prevé dar continuidade noutros puntos de Galicia.
BNG, o rural galego ten nome propio: abandono
O portavoz de agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas respondeu á intervención do conselleiro de Medio Rural que “sobran textos legais” e falta “proxecto de país” para impedir que as explotacións agrarias continúen pechando. Rivas cualificou de “insuficientes” as 10 mil hectáreas mobilizadas e denunciou “as longas demoras” en concentracións parcelarias, destacando as de Sandónigas no ano 1967 ou o peche en precario ou enquistado de Catoira e Zona Norte de Mondoñedo.
Xosé Luís Rivas criticou as políticas agrarias do Partido Popular desde a reforma da PAC do 92. Estas levaron “a este país ao abandono da actividade agraria e a unha dependencia alimentaria e produtiva suicida”. Isto levou a que actualmente “Galicia xa non produce cereal” para facer o pan porque as comarcas cerealistas están “a toxo e matogueira”.
O voceiro do BNG recordou o breve pero aleccionador periodo de tres anos e medio do goberno bipartito. Durante ese tempo apostouse pola mobilidade de terras coma prioridade urxente e comezou o labor cunha lei que activaba as terras infrautilizadas e as unidades conxuntas de xestión do monte. Un goberno, que difundiu todos os activos humanos e económicos “ás aldeas para promocionar e darlle vida a un rural”, cousa que “o Partido Popular se empeñou en esganar”.
O BNG denunciou “as longas demoras” en concentracións parcelarias, destacando as de Sandónigas no ano 1967 ou o peche en precario ou enquistado de Catoira e Zona Norte de Mondoñedo.
Segundo o representante nacionalista, a Xunta “leva 13 anos agrandando a desagrarización e o caos e despois do desastre de outubro do 17, presentan un texto legal pola porta de atrás” para promocionar as aldeas modelo. “Unha propaganda moi cara en investimentos e con escasos resultados” que non reverte a situación do rural en Galicia.
Rivas apuntou informes parciais que vaticinan que en Galicia a porcentaxe media de terra agrícola abandonada nos próximos 10 anos será do 35%. Mentres que os informes globais, “os que facemos todos os días reflicten que cada ano pechan explotacións porque a recuperación non existe, e as súas políticas son maquillaxe barata que non leva a ningures”.
Á parte, o deputado nacionalista destacou que o texto legal defendido polo conselleiro José González, ten un problema de horizonte porque non facilitará terra agraria para pequenos e medianos proxectos. Os grandes beneficiarios serán grupos empresariais e agrogandaría industrial. “Tres consorcios internacionais de capital estadounidense que controlan o 28% do rico territorio ucraíno. Dezasete millóns de hectáreas en mans de Cargill, Dupont e Monsanto”.
O deputado do BNG urxiu a iniciar unha reestruturación da propiedade marcando dinámicas considerando a “propiedade agraria coma un ben social”. Mentres Galicia conta co 23% de SAU, en Bretaña alcanzan o 60% e en Irlanda, o 65%. Esas serían as porcentaxes ás que debería aspirar Galicia segundo Rivas.
Por outra parte, tamén insistiu en que o rural galego ten un nome, abandono. “Abandono da actividade agrogandeira, abandono poboacional, caos forestal por exceso de biomasa e falta de relevo xeracional nas explotacións”.
O deputado nacionalista Xosé Luis Rivas destacou que o texto legal defendido polo conselleiro non facilitará terra agraria para pequenos e medianos proxectos
Na súa opinión, este abandono pode ser freado a través doutras políticas porque “sobran leis e falta un proxecto de país” para dotar as OACs de persoal formado, recursos financeiros ao Plan Integral, medidas cara un horizonte de soberanía alimentaria e recuperar poboación. Para todo isto, volveu a dicir o nacionalista, é necesaria “vontade política e non vender o noso país”.
O grupo socialista denuncia: “Galicia ten 900.000 hectáreas abandonadas”
O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, criticou a paralización da Lei da recuperación da terra agraria de Galicia polo desleixo da Xunta. En resposta á comparecencia do conselleiro do Medio Rural, Martín Seco denunciou a “falla de xestión, de programación, de persoal e de orzamento” para cumprir esta norma aprobada en 2021.
A norma “podería quedar en nada” se o goberno galego continúa reducindo orzamentos, medios materiais e humanos e coa falta dun cronograma de actuacións para o cumprimento da Lei, apuntou Seco. O deputado do PSdeG sinalou o atraso dun ano para publicar o plan de acción anual para a recuperación agraria. O plan, segundo Seco, vén “sen ningunha novidade relevante co banco de terras, que segue a estar infrautilizado”, sen recursos nin persoal.
Seco apuntou unha serie de puntos sen cumprir por parte de Medio Rural como non desenvolver o banco de explotacións, non elaborar o mapa de usos agroforestais e a falta de conclusión do catálogo de solos agropecuarios e forestais. Martín Seco engadiu ademais que “non se vai solucionar o problema de falla de superficie agraria útil con pequenas actuacións de recuperación de núcleos abandonados coas aldeas modelo”.
O PSdeG criticou a paralización da Lei da recuperación da terra agraria de Galicia polo desleixo da Xunta
O deputado do Grupo Socialista lembrou que aínda non se enviou o informe de avaliación bianual que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural debera enviar ao Parlamento, ao Consello de Xestión da Terra Agroforestal e á Comisión de Seguimento. Ademais, esta última Comisión segue sen estar constituída dous anos despois da aprobación da Lei, co que “demostran que non queren que o seu traballo teña unha avaliación independente”.
O parlamentario socialista criticou atrasos na normativa de ordenación territorial e a “ausencia de iniciativas” sobre a mellora da estrutura das terras agrarias. Sobre isto, apuntou unha xestión caracterizada polos retrasos nos traballos de concentración parcelaria, con apenas 450.000 hectáreas, unha terceira parte do obxectivo.
O deputado do PSdeG sinalou o atraso dun ano para publicar o plan de acción anual para a recuperación agraria
Martín Seco finalizou a súa intervención denunciando o “bloqueo sistemático” da Lei de Montes Veciñais do goberno do socialista Laxe ou da Lei do Banco de Terras elaborada polo goberno de Touriño. Advertiu que hoxe Galicia ten 900.000 hectáreas de terra abandonada, das cales 400.000 poderían ter rendemento, e outras 50.000 son de alto valor agrario, pero, dixo, “en Galicia perdéronse case 9.000 hectáreas agrarias en 2020”.