A Xunta declara tres novas parcelarias nos concellos de Abadín, Caldas de Reis e Baños de Molgas

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe os decretos que inician os procesos das zonas de Santa María de Almoite, Santa María de Bemil e Santiago de Moncelos, respectivamente, que reestruturarán unha superficie total dunhas 2.333 hectáreas

O Consello da Xunta aprobou na súa xuntanza semanal deste xoves tres decretos da Consellería do Medio Rural polos que se declaran de utilidade pública as concentracións parcelarias de Santa María de Almoite (Baños de Molgas), Santa María de Bemil (Caldas de Reis) e Santiago de Moncelos (Abadín).

Deste xeito, mediante a reestruturación global dunhas 2.333 hectáreas relativas a estes tres procesos, veranse beneficiados máis de 3.000 propietarios.

Así, trátase de tres novos decretos de concentración parcelaria que se declaran mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga).

Neste senso, os tres procesos foron solicitados por titulares de explotacións agrogandeiras destes municipios e apoiados polos respectivos concellos co obxectivo de incrementar e mellorar a xestión da súa base territorial, reducindo custos de produción. No caso da parroquia de Baños de Molgas, hai un total de 21 explotacións; na de Caldas de Reis, son 62, e na de Abadín, 29.

Medio Rural estuda crear un novo polígono agroforestal no concello ourensán da Peroxa

Por outra parte, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, avanzou que se está estudando a implantación dun novo polígono agroforestal na Peroxa, no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Foi na reunión que mantivo co alcalde desta localidade ourensá, Manuel Seoane, que tamén é presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Comarca de Ourense (GDR 11-Adercou). Segundo trataron na xuntanza, esta nova figura prevé destinarse a uso gandeiro nunha superficie pendente de determinar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información