A Xunta declara os primeiros oito perímetros de alto risco de incendios forestais en vías municipais de diversos concellos

Actuará de oficio para limpar pistas de Bergondo, Carnota, Navia de Suarna, Pantón, Carballeda de Valdeorras, Carballeda de Avia, Campo Lameiro e Crecente onde hai maleza perto das casas

Traballos de limpeza de faixas de protección no concello de Ribadeo

Traballos de limpeza de faixas de protección levados a cabo no concello de Ribadeo por iniciativa municipal

A Xunta declara os primeiros oito perímetros de alto risco de incendio (PARI) en vías municipais nos concellos de Bergondo, Carnota, Navia de Suarna, Pantón, Carballeda de Valdeorras, Carballeda de Avia, Campo Lameiro e Crecente.

Así o recolle este venres o Diario Oficial de Galicia coa publicación dunha resolución da Consellería do Medio Rural pola que se delimitan estas figuras, previstas na normativa de aplicación contra incendios e que teñen por obxecto anticiparse aos lumes forestais adecuando as infraestruturas preventivas e a rede de faixas de xestión de biomasa situadas preto das vivendas.

A declaración destes PARI faise no marco do convenio de colaboración asinado en agosto de 2018 entre a Xunta, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias (as máis próximas ás vivendas).

Dito convenio contempla a posibilidade de que os concellos poidan levar a cabo actuacións de xestión de biomasa nas vías de titularidade municipal ata un máximo de 10 quilómetros por concello e ano con cargo ao acordo. Así, os concellos mencionados propuxeron, dentro deses máximos, os puntos quilométricos e tras un informe favorable da Dirección Xeral de Defensa do Monte decrétanse os primeiros oito PARI, de conformidade co procedemento establecido na Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

O custo das actuacións será asumido pola Administración pública

Dentro do tramo establecido no PARI, as actuacións consistirán na xestión da vexetación mediante a roza e a eliminación de especies pirofíticas, como os piñeiros, os eucaliptos ou as acacias, incluíndo o abatemento, tronzado, saca e amoreado da madeira e a recollida e eliminación de restos. Unha vez declarado o perímetro, os titulares dos predios ou dos dereitos de aproveitamento disporán dun prazo de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da notificación, para realizar os traballos de prevención e, de non facelo, as actuacións levaranse a cabo no ámbito do convenio, sen que os titulares teñan que asumir o seu custo.

Coa declaración dos perímetros de alto risco de incendios preténdese acadar os obxectivos establecidos no Plan de Prevención incluído no Pladiga 2021, adecuando as infraestruturas preventivas e a rede de faixas de xestión de biomasa. Esta primeira declaración contempla actuacións no concello de Bergondo (7,89 hectáreas), Carnota (11,57 ha), Navia de Suarna (11,96 ha), Pantón (6,57 ha), Carballeda de Valdeorras (11,89 ha), Carballeda de Avia (11,82 ha), Campo Lameiro (7,75 ha), e Crecente (11,91 ha).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información