A Xunta declara 3 novas aldeas modelo en Sober, Taboadela e Cualedro

A Xunta declara 3 novas aldeas modelo en Sober, Taboadela e Cualedro

A Consellería do Medio Rural vén de declarar os núcleos de Francos de Proendos -no concello lucense de Sober-, Covelo -no municipio ourensán de Taboadela- e Carzoá -na localidade ourensá de Cualedro- como novas aldeas modelo de Galicia. Acádanse así as 17 aldeas con estas características na comunidade, no marco da Lei de recuperación da terra agraria.

Trátase de iniciativas promovidas pola Xunta e polos respectivos consistorios co obxectivo de recuperar as terras en estado de abandono ou infrautilización na contorna das aldeas, para así contribuír á súa posta en valor fixando poboación e mellorando a calidade de vida nesas zonas, ao tempo que se reforza a prevención dos lumes na proximidade das vivendas.

Concretamente, a aldea modelo de Francos de Proendos, en Sober, abranguerá unha superficie de 16,81 hectáreas deste núcleo de poboación, actuando en arredor de 119 parcelas de 70 propietarios. No caso de Covelo, en Taboadela, o perímetro será tamén de 16,81 ha, implicando unhas 223 parcelas de 109 titulares e. Por último, a aldea de Carzóa, en Cualedro, terá unha superficie de 59,8 hectáreas, involucrando ao redor de 389 parcelas de 215 propietarios.

A partir de agora, realizaranse traballos de limpeza e recuperación en todas as parcelas incluídas no perímetro destas aldeas para poñelas a producir mediante a actuación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural en colaboración cos agricultores, gandeiros ou silvicultores interesados no seu aproveitamento. Deste xeito, o conxunto dos terreos recuperados funcionarán ademais como devasa natural fronte ao lume, xa que serán os cultivos os que actúen como método de protección, sen necesidade de rozar e limpar de forma periódica.

Todos os terreos recuperados serán incorporados ao Banco de Terras de Galicia, de maneira que as persoas titulares reciban unha compensación económica anual. Isto é, estas aldeas modelo suporán a obtención dun rendemento económico directo ou indirecto tanto para as persoas propietarias dos terreos –que conservarán sempre a titularidade das parcelas ao tempo que reciben un pago por arrendamento– como para os interesados na súa posta en produción.

17 aldeas modelo declaradas

As tres aldeas modelo de hoxe súmanse ás 14 que xa estaban declaradas, algunhas delas xa en marcha con actividade agrogandeira.

Trátase das lucenses de Trascastro (O Incio), Parada dos Montes (A Pobra do Brollón), Moreda (Folgoso do Courel) e Bustelo de Fisteus (Quiroga) e das ourensás de Osmo (Cenlle), Penedo (Boborás), Muimenta (Carballeda de Avia), Infesta (Monterrei), Reboredo (O Pereiro de Aguiar), Xacebáns (Quintela de Leirado), Meixide (A Veiga), Trelle (Toén), Trabazón (O Irixo) e Pedrosa (Riós):

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información