A Xunta dá luz verde a un novo matadoiro de Capón de Vilalba e polo ecolóxico

O obxecto do proxecto de Caponcito SL é construír unha nave para destinala a matadoiro de aves, que terá unha capacidade de 2,25 T/día no caso dos capóns e de 3,9 t/día de polos

capon de vilalba 2022 2A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental á execución dunha nave industrial no polígono de Sete Pontes, en Vilalba, destinada a matadoiro de capóns e de polo ecolóxico, autorización supeditada, en todo caso, ao cumprimento das condicións incluídas nos distintos documentos emitidos no marco da tramitación do procedemento.

Respecto a a firma promotora do matadoiro de aves, conta con dúas empresas: Avilugo S.L. e Caponcito S.L. Esta última agrupa unha rede de 30 granxas integradas en Galicia que crían polo en ecolóxico e coas que teñen contrata de produción, de forma que lles fornecen as aves e a alimentación, xa que tamén ten unha fábrica de penso no polígono vilalbés. Dentro de Avilugo está a planta Avieco, situada no polígono de O Ceao, en Lugo, que é unha sala de despezamento de polo fresco e unha liña de polo cociñado —polo asado en quinta gama e pasteurizado—. En total, e entre postos directos e indirectos, traballan unhas 40 persoas.

Capacidade para sacrificar ata 2.250 kilo de capóns e 3.900 de polo ecolóxico ao día

O novo matadoiro de aves no polígono de Vilalba destinarase concretamente a capón de Vilalba con indicación xeográfica protexida (IXP) e polo ecolóxico. Contará con dúas plantas diferenciadas: unha baixa dedicada á matanza, cunha superficie construída de 693 m2, e un primeiro andar, destinado a zona de oficinas e sala de formación, de 139 m2. Existirá outra zona anexa de descarga e lavadoiro de camións, de 310 m2.

A capacidade produtiva instalada para o novo matadoiro en condicións ideais é de 400 polos ecolóxicos/hora e 100 capóns/hora. A matanza máxima diaria será de 2,25 T/día de capóns e 3,9 T/día de polo ecolóxico aínda que cómpre ter en conta que o matadoiro traballará nunha quenda de traballo de 8 horas diarias, sendo 5 as horas útiles de matanza de aves.

Informe positivo de Medio Ambiente

Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, “non son previsibles efectos adversos significativos derivados deste proxecto, sempre que se respecte tanto o recollido no documento ambiental e na restante documentación analizada como o condicionado que figura na propia resolución autonómica”.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor —Caponcito SL— foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de nove organismos e entidades interesados.

Froito desas consultas, realizaron as valoracións correspondentes e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Neste sentido, consideran que o proxecto “non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpran os condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; augas dos leitos fluviais; xestión de residuos; patrimonio natural e medidas de eficiencia enerxética”.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver a ampliación, esta resolución remitiuse ao órgano substantivo —neste caso, a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias— e daráselle publicidade nos próximos días mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e a través da páxina web da Consellería.

Agora, será a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, como órgano substantivo encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia, a que pase a asumir de novo o expediente unha vez completado o trámite ambiental.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información