Medio Rural publicou no 2014 unha orde pola que creaba unha vintena de modelos silvícolas dirixidos a orientar a xestión forestal dos pequenos propietarios. O obxectivo era que eses modelos servisen de guía de boas prácticas sobre cuestións como marcos de plantación ou periodicidade dos traballos de roza, podas ou rareos. Agora a Xunta anuncia que completará aquela primeira vintena de modelos silvícolas con outros 15 novos.
A adhesión ós modelos silvícolas será obrigatoria a partir do 31 de decembro do 2020 para todas aquelas parcelas menores de 15 hectáreas que carezan dun plan de ordenación, a gran maioría. O proceso para a inscripción de cada parcela nun dos modelos silvícolas ofertados pola Xunta será sinxelo, segundo avanza Medio Rural, que sinala que “a tramitación solucionarase cuns simples ‘clicks’ informáticos durante o proceso de solicitude ou declaración responsable dun aproveitamento madeireiro”.
Nun inicio, a Xunta establecera unha vintena de modelos silvícolas orientativos, 8 de coníferas, 4 de eucalipto e 9 de frondosas caducifolias (castiñeiro, carballo, rebolo, cerdeira, bidueiro, etc.), así coma un modelo silvopastoral. O Consello da Xunta aprobou onte incorporar 15 novos modelos, por medio dunha Orde, a esa relación publicada no 2014.
Incorporánse modelos para frondosas caducifolias, para a obtención de madeira “masiva” e técnica, e para aproveitamentos complementarios como a resina, a cortiza ou os pastos
Catro deles estarán dirixidos á xestión de masas de frondosas caducifolias, outros dous serán para o que a Administración chama “obtención de ecoprodutos sustitutivos de materiais de alta pegada de carbono” e denominaranse “modelos para a obtención de madeira masiva ou madeira técnica”. A relación completarase con modelos dirixidos a potenciar aproveitamentos complementarios do monte (resina, cortiza, pastoreo en zonas desarboradas) e para promover unha xestión próxima á natureza.
Graos de intensidade dos modelos
A normativa incorporará tamén novas variables para a caracterización dos modelos silvícolas, pois catalogaranse os modelos en función do grao de intensidade de xestión que supón a aplicación de cada un deles. “ Este concepto -indica a Xunta- presenta unha clara relevancia en materia de silvicultura activa e cualificouse principalmente sobre a base destes catro factores: a frecuencia e relevancia das intervencións de mellora, a intensidade das cortas, a duración da quenda de corta e a medida en que se empregan materiais de mellora xenética”.
Outra variable que se considerará é o grao de resiliencia medioambiental que supón a aplicación de cada un dos modelos. “Nun contexto marcado polo cambio climático, as vantaxes adaptativas que supoñen aqueles modelos máis resilientes son valores que os titulares forestais deben ter en consideración no proceso de escolla do modelo a aplicar”, sinala a Xunta.