O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe, tras o Consello da Xunta, dúas medidas para favorecer a remuda xeracional no rural galego, un aspecto que considerou “fundamental” para garantir o futuro do sector.
Así, anunciou a próxima posta en marcha do Banco de Explotacións, unha plataforma na que, explicou, se poderán inscribir as explotacións que van pechar nos próximos meses e non atopan remuda ou non teñen ningún familiar disposto a facerse cargo. “Queremos garantir que estas instalacións, na medida do posible, sigan funcionando, e se pode ser, mellorándose e modernizándose”, precisou.
Así, poñerase en contacto a propietarios da explotación e xente interesada en continuar co negocio, mediante compra ou arrendamento, “con conversas e trámites auspiciados pola Xunta de Galicia”. A previsión é que estea en marcha antes de que finalice o ano.
Novas axudas para gandeiros que se xubilen e decidan ceder a súa explotación
Este banco será o paso previo á publicación, por primeira vez, da convocatoria de axudas á cooperación para a sucesión no agro, coa que se quere afondar na remuda, e que se fará efectiva o vindeiro ano cunha dotación orzamentaria total de 2,1 millóns de euros para o período 2025-2029, que ademais, tal e como adiantou o titular do Executivo galego, vai ser compatible con outras axudas que se poidan solicitar para o funcionamento das explotacións.
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, insistiu en que garantir o futuro do sector primario “é unha prioridade” do Goberno galego, e por iso se está elaborando un plan de remuda xeracional “amplo e transversal”, no que se inclúen as medidas informadas hoxe.
Precisou que a través do banco de explotacións fomentarase a remuda extra-familiar naquelas explotacións que non contan con expectativas de continuidade dentro da unidade familiar. Ao mesmo tempo, actuará como instrumento de intermediación no proceso de transmisión de explotacións. Esta posibilidade constitúe unha “moi boa oportunidade” tanto para o titular da explotación (cedente) como para a persoa que asume a xestión dunha explotación viable (cesionario).
Así, por unha banda, os cedentes, titulares de explotacións agrarias familiares, poderán complementar a súa pensión de xubilación cos ingresos xerados polo arrendamento ou venda da súa explotación e, por outra parte, os agricultores mozos ou novos agricultores ou profesionais xa en activo poderán acceder á xestión dunha explotación en funcionamento e viable.
Todo o proceso de transmisión de explotacións a través do Banco estará tutelado pola Xunta, tal e como avanzou o Presidente, por medio da rede de oficinas rurais. Desde estes centros informarase e prestarase asesoramento aos interesados e, ademais, tramitaranse as solicitudes.
A conselleira resaltou que esta iniciativa constitúe tamén unha aposta pola sustentabilidade, porque se lle dá “unha segunda vida a estas granxas que doutro xeito quedarían abandonadas, tanto as edificacións como as terras”, e contribúe tamén á “dinamización territorial”, ao favorecer que as explotacións” non se concentren tanto no mesmo lugar”.
Nova liña de axudas que se porá en marcha en 2025
A nova liña de axudas vinculada ao Banco prestará apoio aos agricultores e gandeiros que decidan cesar na súa actividade agrícola ou gandeira, co fin de ceder a súa explotación, mediante a presentación dun proxecto de cooperación entre ambas as partes. Polo tanto, os beneficiarios destas achegas poderán ser as persoas físicas ou xurídicas xefes de explotación que acadasen ou vaian acadar a idade de xubilación ao final da operación, ou ben que teñan que abandonar a actividade por outras causas de forza maior ou excepcionais.
Deberán presentar un proxecto de cooperación entre a persoa agricultora e/ou gandeira en situación de xubilación e a persoa sucesora que vaia asumir a xestión da explotación, no cal se recolla un contrato de arrendamento o compravenda (ou outro negocio xurídico) para a transferencia da explotación. A previsión, segundo a conselleira, é que se poña en marcha o ano que vén.
Trátase, fundamentalmente, de evitar o peche de explotacións viables. Esta axuda estará ligada ao Banco, polo que a explotación que se vaia ceder debe estar inscrita nel. Cada subvención calcularase en función da dimensión económica da explotación e terá unha duración limitada a cinco anos.
Pero, ademais, tanto as persoas cedentes como as cesionarias poderán acceder a outras liñas de axuda establecidas dentro do Plan estratéxico da PAC (PePAC) 2023-2027.
Trátase das achegas para fomentar a incorporación de persoas mozas á actividade agraria ou de novos activos ao agro (unha liña nova posta en marcha neste 2024) e tamén daquelas destinadas a apoiar os investimentos en explotacións agrarias.
Próximos pasos do Banco de Explotacións
Para acompañar a posta en marcha do Banco de Explotacións desenvolveranse unha serie de medidas de apoio. En primeiro lugar, porase en marcha un visor público, a modo de ferramenta informática situada na páxina da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que incluirá as explotacións susceptibles de transmisión.
En segundo termo, procederase á adopción e divulgación de modelos normalizados. Con eles, as persoas interesadas que pretendan cesar na súa actividade poderán presentar, por un lado, a solicitude de inclusión dunha explotación agroforestal no Banco. Por outra parte, tamén se poderán presentar as peticións de intermediación para o acceso a unha explotación do Banco por parte de persoas interesadas no arrendamento, permuta, adquisición ou calquera outro negocio xurídico de cesión de uso ou transmisión de dereitos sobre as explotacións inscritas.
Ademais, como outra actuación de acompañamento ao Banco de Explotacións, levaranse a cabo accións de formación dirixidas ao persoal das oficinas rurais para que estes profesionais, pola súa vez, poidan prestar apoio e asesoramento ás persoas interesadas na transmisión de explotacións a través deste instrumento.