A Xunta crea un equipo multidisciplinar especializado en grandes incendios forestais

A unidade estará reforzada con tres novas brigadas públicas helitransportadas operativas todo o ano e case unha vintena de motobombas e máis dunha ducia de batracios novos. Presenta o anteproxecto da nova Lei contra os incendios forestais

A Xunta crea un equipo multidisciplinar especializado en grandes incendios forestais

Instante da celebración do Consello Forestal de Galicia celebrado en Boqueixón este martes.

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu este martes en Boqueixón (A Coruña) unha nova xuntanza do Consello Forestal de Galicia no que se abordou a nova Lei de loita integral contra os incendios forestais e cuestións como a creación dun equipo multidisciplinar especializado en grandes incendios forestais no marco do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2023, como previo paso a que o documento sexa aprobado no Consello da Xunta.

En concreto, créase unha unidade de directores de extinción composta por un equipo de traballo formado por persoal especialmente cualificado e especializado nos labores de dirección de extinción para actuar nos lumes con elevado potencial de converterse en gran incendio forestal, coma os acontecidos o pasado verán no Courel e Valdeorras.

Crearanse tres novas brigadas públicas helitransportadas nas bases do Barco de Valdeorras, no Xurés e en Mondariz

Este ano crearanse tamén tres novas brigadas públicas helitransportadas nas bases do Barco de Valdeorras, no Xurés (Muíños) e en Queimadelos (Mondariz), Terán medio cento de efectivos para cubrir todas as quendas e sumaranse ás xa existentes nas bases de Marroxo (Monforte), Campiño (Pontevedra) e Vilamaior (Verín). Con estas brigadas dispoñerase de medios e persoal durante todo o ano.

Está prevista a compra de 15 motobombas e doutros 12 batracios, que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidozer. Ademais, ao longo deste exercicio poderanse adquirir outros tres vehículos motobombas e outros dous batracios.

Lei de loita integral contra os incendios forestais

Durante a xuntanza do Consello Forestal de Galicia, González tamén puxo en valor a futura Lei de loita integral contra os incendios forestais, cuxo anteproxecto inicia a súa tramitación. Pese a que o titular de medio Rural salientou que a nova norma atende a recomendacións de distintas entidades expertas, tamén é certo que ata o momento o sector descoñece o anteproxecto presentado, xa que non tiveron acceso ó documento. Deberán esperar a que se abra o prazo de exposición pública para coñecelo en profundidade, o que xerou certo malestar ó non participar dun xeito máis directo na nova lei e non podelo abordar en detalle no Consello Forestal. González apuntou a posibilidade de volver tratar a nova lei cando se convoca o Consello Forestal para presentar o ‘Libro blanco’ de Montes Veciñais en man común.

Entre os aspectos que destacou o conselleiro da nova lei figura a creación do Mapa dinámico de perigo de incendios forestais, un documento técnico que reflicte a zonificación do territorio desde a perspectiva de risco de ocorrencia de incendios forestais. Este mapa terá en conta o combustible existente, a frecuencia histórica de lumes ou as súas causas e motivacións.

A nova lei contempla un mapa dinámico dos perigos forestais e plans preventivos por distrito

Tamén se establecerán a nivel autonómico as zonas de alto risco de incendios, nas que a frecuencia ou virulencia dos lumes e a importancia dos valores ameazados fan necesarias medidas especiais de protección e para as que se terán en conta as mesas abertas de traballo, unha canle de participación pública nova. Estas zonas permitirán definir a nivel distrito as áreas estratéxicas de xestión, zonas de actuación singularizada no territorio nas que se optimizarán combustibles, usos, actividades ou infraestruturas para limitar a potencialidade dos incendios.

O anteproxecto inclúe tamén os plans preventivos por distrito, que ampliarán os actuais plans preventivos municipais. Neles deberán establecerse faixas de seguridade primarias, secundarias e terciarias, darán orientación para a alternancia de teselas de diferente inflamabilidade, identificarán zonas para facer queimas prescritas e os puntos de vixilancia fixa e a rede de puntos de auga, ademais de todos os medios dispoñibles de prevención e extinción.

Neste contexto, tamén se ofreceron algúns dos datos de mantemento das faixas secundarias, que ocupan unhas 85.000 hectáreas e das cales unhas 60.000 se atopan limpas, cuxos traballos de mantemento son asumidos polos propietarios ou os Concellos. Mentres, o 30% restante inclúen parcelas con algunha problemática como ter un propietario descoñecido e que permanecen sen limpar, co risco que iso supón. Esta é unha das cuestións que colectivos como Asefoga teñen previsto incluír nas propostas á nova lei, con alternativas que pasan por buscar a declaración de interese público destas zonas, para evitar que os gastos recaian deste xeito directo nos propietarios.

No relativo ao sistemas preventivos vinculados ao territorio, o conselleiro sinalou que está previsto dispor das paisaxes en mosaico, cuxas descontinuidades na biomasa procurarán a diversificación agroforestal do territorio freando ou atenuando os efectos dos incendios coa implantación de actividade sustentable. Así, dentro destas paisaxes cortalumes prevén impulsar os polígonos cortalumes no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, as agrupacións forestais de xestión conxunta, actividade agrogandeira ou árbores frondosas autóctonas ou froiteiras nas faixas de seguridade e as súas ampliacións  e sistemas silvopastorais e gandería en extensivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información