A Xunta crea a Rede de avisos fitosanitarios en materia forestal

A ferramenta, situada na Oficina Virtual do Medio Rural, informa de xeito continuo das novas que se produzan en materia de pragas e doenzas forestais

A Xunta crea a Rede de avisos fitosanitarios en materia forestal

Nematodo do piñeiro

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), veñen de desenvolver a Rede de avisos fitosanitarios en materia de sanidade forestal, situada na Oficina Virtual do Medio Rural.

Nesta rede os usuarios poden atopar información de carácter xeral, como os plans de actuacións contra enfermidades e pragas forestais, recomendacións de actuacións de loita integrada, artigos científicos de interese, resumos finais de cada unha das campañas de tratamentos, informes anuais da rede galega de detección e seguimento das pragas, enfermidades e calquera outra información que resulte de interese en temas de saúde e vitalidade do monte.

Doutra banda, na Rede pódese facer a subscrición a un boletín de avisos de sanidade forestal. Deste xeito, os usuarios recibirán avisos electrónicos coas novidades que se produzan en materia de sanidade forestal. Este boletín é unha ferramenta con noticias, recomendacións, acceso a manuais de uso e información das actuacións que realiza a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal en materia de saúde e vitalidade forestal, segundo o ámbito de competencias establecido no marco legal vixente. Esta rede de avisos dá cumprimento ao establecido na Lei de montes de Galicia. Así, permite, por exemplo, con respecto á avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus), ter información das previsión semanais de soltas do seu parasitoide (Torymus sinensis) e da localización e resultado das soltas xa realizadas.

Ademais, cabe lembrar a grande aposta que está a facer a Xunta en materia de sanidade forestal cun investimento que ascende a máis de 4 millóns de euros. Neste sentido, o Goberno galego establece medidas de vixilancia, detección, difusión, loita integrada e a posta en marcha de modelos silvícolas resilientes. Esta actuación compleméntase coas accións de colaboración e difusión coas asociacións, cooperativas e outras organizacións involucradas na defensa fitosanitaria dos montes galegos que se están a levar a cabo actualmente.

Enlace á rede de avisos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información