A Xunta corrixe as axudas para prevención de danos do lobo na compra de mastíns

A Xunta corrixe as axudas para prevención de danos do lobo na compra de mastíns

Foto: Beealia

A Consellería de Medio Ambiente publica este mércores no Diario Oficial de Galicia unha corrección de erros á orde de axudas para a prevención dos anos da fauna salvaxe, unha convocatoria que suscitou críticas do sector pois esixe que, entre outras medidas, os cans mastíns que se compren estean inscritos no libro xenealóxico da raza ou no caso de axudas para os peches fixos presentar no momento da solicitude todos os permisos.

Neste sentido, a Xunta corrixe o primeiro apartado, que segundo o sector provocaría que os cans que se comprasen fosen de “concurso” pero non adaptados para defender o gando fronte ao lobo. Coa corrección non será obrigatorio que estea inscrito no Libro Xenalóxico da Raza. Iso si, mantense a subvención para o can de palleiro, un animal que segundo os expertos é eficaz como can pastor pero non como defensa fronte ao lobo.

En concreto, a corrección á orde de axudas publicada pola Consellería de Medio Ambiente establece que “será subvencionable a adquisición de cans protectores e defensores do gando cunha idade inferior ou igual aos catro meses, das seguintes razas: mastín español, mastín do Pirineo e can de palleiro, así como os gastos da súa identificación, debendo a persoa interesada achegar a documentación relativa aos controis sanitarios realizados segundo a lexislación vixente, e a documentación acreditativa da identificación do animal e a súa inscrición no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac), de acordo co establecido no punto 3 da disposición transitoria primeira da Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia. No caso do can de palleiro, deberase achegar así mesmo o certificado da entidade xestora do libro xenealóxico da raza, que acredite que o animal está rexistrado no libro xenealóxico da raza correspondente».

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información