A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; visitou hoxe a Gandaría Carabinero para anunciar que a mediados do mes de xuño publicarase no Diario Oficial de Galicia novas convocatorias das axudas de plans de mellora e incorporación de mozos no marco do Plan estratéxico da Política Agraria Común (Pepac), dotadas en total con 36 millóns de euros
Durante a súa visita a esta explotación de vacún de leite, que foi beneficiaria destas axudas na convocatoria de 2024, a titular do departamento explicou que unha das dúas ordes que se publicarán financiará os plans de mellora non aprobados aos mozos que resultaron beneficiarios da convocatoria 2024 da incorporación de mozos, co obxectivo de facilitar o inicio da súa actividade produtiva e favorecer que poidan completar o seu investimento na explotación. En concreto, destinaranse a esta finalidade 5,5 millóns de euros.
Por outra banda, Gómez detallou que a segunda orde de axudas correspóndese coa convocatoria de 2025 destes apoios e contará cun orzamento de 30,5 millóns de euros para apoiar ás persoas agricultoras mozas. Neste sentido, sinalou que serán dúas as liñas que se recollan dentro da convocatoria. Por un lado, mobilizaranse 16 millóns para o establecemento de agricultores mozos e, por outro, 14,5 millóns para investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias.
A conselleira indicou que a través da liña de establecemento de agricultores mozos búscase apoiar ás persoas de entre 18 e 40 anos, ambos incluídos, que queiran incorporarse á actividade agrogandeira. Para iso, deberán presentar un plan empresarial, permanecer na actividade agraria durante un prazo de cinco anos desde o pago final da axuda e participar no programa de titorización que presta a Consellería do Medio Rural a persoas agricultoras mozas.
Sobre os plans de mellora que se recollerán nesta orde, a conselleira salientou que o requisito para obter esta axuda é o de ser unha persoa moza que solicita simultaneamente a axuda ao establecemento de persoas agricultoras mozas.
Todas estas achegas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola para o Desenvolvemento Rural (Feader), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e por fondos propios do Goberno autonómico. En total, 36 millóns de euros cos que seguir impulsando a remuda xeracional no agro galego.
Galego









Control OJD