A Xunta convoca a quinta edición dos premios Exceleite ás mellores calidades hixiénico-sanitarias

Este ano introdúcense melloras para axilizar o proceso e para acurtar os prazos transcorridos entre a selección das ganderías, a súa avaliación, o nomeamento de finalistas e a entrega de premios

12,30 h.- O conselleiro do Medio Rural, José González, presidirá a entrega dos Premios Exceleite á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia. No Hotel Monumento San Francisco (Campillo de San Francisco, 3). foto xoán crespo 13/11/2019

Entrega dos premios Exceleite nunha edición anterior

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes a orde da Consellería do Medio Rural que convoca para este ano os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores galegos de leite cru de vaca, coñecidos como premios Exceleite.

Esta é xa a quinta edición destes galardóns, tras a boa acollida das catro anteriores entre o sector produtor lácteo galego. Trátase de recoñecer os gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, polo tanto, coa calidade do leite que producen.

Os premios Exceleite distinguen as granxas en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e, á súa vez, cada unha delas subdivídese en tres grupos, segundo o seu sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Recoñécense ademais especificamente as mellores explotacións ecolóxicas.

Poderán optar a estes recoñecementos todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), de tal xeito que consten na base de datos deste centro os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia. As explotacións deberán atoparse de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, deberán estar inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), así como cumprir outras características técnicas.

Novidades

Este ano, como novidade, introdúcense melloras para limitar, por unha banda, a avaliación da calidade do leite exclusivamente ao período de tempo establecido na orde da correspondente convocatoria anual dos premios. Trátase de acurtar os prazos transcorridos entre a extracción dos resultados dos parámetros hixiénico-sanitarios das explotacións, a súa avaliación, a selección de finalistas e, finalmente, a entrega de premios. Por outra banda, tamén se establece un sistema máis áxil de convocatoria de novos produtores en caso de non aceptación do premio por parte dalgunha gandaría.

Ademais, nos actos de entrega dos premios vénse denominando Exceleite de ouro o primeiro galardón e Exceleite de prata o segundo, polo que, tendo en conta que estas denominacións adquiriron significación propia, considerouse convinte recoller este feito na norma reguladora dos premios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información