A Xunta convoca os premios ao desenvolvemento rural, con 10.000 euros para cada galardoado

Publicidade
A Xunta convoca os premios ao desenvolvemento rural, con 10.000 euros para cada galardoado

Foto da entrega de premios da edición 2022. Foto: Arquivo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria e as bases reguladoras da XIV edición dos Premios ao desenvolvemento rural de Galicia. A dotación orzamentaria total que destina a Consellería do Medio Rural a estes galardóns é de 80.000 euros, a razón de 10.000 euros para cada un dos gañadores participantes nas oito categorías establecidas.

O obxectivo destes premios é recoñecer por parte do Goberno galego aquelas iniciativas que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada, tal e como se explica nas bases e na convocatoria.

Na resolución indícase que existen oito categorías: de mocidade, para persoas de menos de 40 anos; paisaxe rural, para iniciativas de intervención, mellora e posta en valor das paisaxes rurais produtivas de Galicia nas que se integren os elementos e valores culturais e naturais co aproveitamento agrario; de interese social, para aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos ou do coidado dos maiores; categoría de turismo; do sector agrogandeiro; de mulleres, para iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por elas; de innovación tecnolóxica e, por último, de recuperación e posta en valor da terra agraria.

Reinvestimento

As bases establecen que cada un dos premiados recibirá un diploma e unha dotación en metálico de 10.000 euros, que deberá reinvestir na iniciativa gañadora para realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias. Poderán presentar a candidatura, e só nunha categoría, tanto as persoas físicas como xurídicas de natureza privada que executaran un proxecto en Galicia. O prazo para presentar as solicitudes é dun mes a contar dende mañá. Tamén se contempla na convocatoria que quedarán excluídas aquelas iniciativas que obtivesen premio nalgunha das anteriores edicións destes premios ou que se encontren en fase de deseño ou execución na data de publicación da convocatoria.

Con respecto aos criterios de valoración, inclúense a aportación da iniciativa ao obxecto da categoría na que participa, á actividade económica do territorio en que se desenvolve, á creación de emprego, á incorporación e inserción laboral da muller e implicación en políticas de igualdade, así como o grao de contribución á inserción de colectivos ou persoas socialmente desfavorecidas.

Tamén se valora o grao de apoio social, de consolidación e de sustentabilidade da iniciativa desde o punto de vista económico, medioambiental e sociocultural, así como o seu interese desde o punto de vista da innovación, excelencia e orixinalidade. Na pasada edición destes Premios ao desenvolvemento rural de Galicia recibíronse un total de 59 propostas, repartidas entre as oito categorías.

Poden consultarse as bases completas dos premios, aquí

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información