A Xunta convoca os premios AGADER ás iniciativas de desenvolvemento rural

Hai 8 categorías con 10.000 euros para cada un dos proxectos gañadores. Os interesados teñen un mes para presentar candidaturas

A Xunta convoca os premios AGADER ás iniciativas de desenvolvemento rural

A asociación veciñal de Lucenza (Cualedro, Ourense) foi un dos premiados no 2020 pola recuperación dos montes comunais que levaron a cabo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases e a convocatoria dos XII Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural. A Consellería de Medio Rural destina para estes galardóns 80.000 euros, a razón de 10.000 euros para cada un dos gañadores participantes nas oito categorías establecidas. Os premios procuran recoñecer iniciativas que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada, tal e como se recolle nas bases e na convocatoria.

As categorías destes premios son as seguintes: de mozos, para persoas de menos de 40 anos; paisaxe rural, para iniciativas de intervención, mellora e posta en valor das paisaxes rurais produtivas de Galicia nas que se integren os elementos e valores culturais e naturais co aproveitamento agrario; de interese social, para aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos ou do coidado dos maiores; categoría de turismo; do sector agrogandeiro; de mulleres rurais, para iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por elas; de innovación tecnolóxica e, por último, de loita contra o abandono de terras e a favor da súa recuperación e posta en valor.

Criterios de valoración

Cada un dos premiados recibirá un diploma e unha dotación en metálico de 10.000 euros que deberá reinvestir na iniciativa para realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias. Poderán presentar a candidatura, e só nunha categoría, tanto as persoas físicas como xurídicas de natureza privada que executaran un proxecto en Galicia. O prazo para presentar as solicitudes é dun mes a contar dende mañá.

Quedarán excluídas aquelas iniciativas que obtivesen premio nalgunha das anteriores edicións dos premios Agader, que se encontren en fase de deseño ou execución na data de publicación da convocatoria dos premios ou que se desenvolvan nos sectores da pesca e acuicultura. Así mesmo, tampouco poderán concorrer aqueles proxectos que estean relacionados coa exportación a terceiros países ou estados membros.

Valorarán a influenza da iniciativa na actividade económica do territorio e na creación do emprego. Así mesmo terán en conta o seu grao de sustentabilidade, de innovación e de consolidación. A nivel social, valorarán tanto a súa contribución á incorporación e inserción laboral da muller no proxecto, como o seu grao de implicación en políticas de igualdade. Tamén sumarán puntos aquelas iniciativas que favorezan a inserción de colectivos ou persoas desfavorecidas e as que dean apoio social, en xeral.

– Consulta aquí as bases completas dos premios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información