A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo en valor as axudas do seu departamento para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo, cuxa segunda convocatoria deste ano se publicou este martes, precisamente, no Diario Oficial de Galicia, cunha dotación inicial de 400.000 euros e a posibilidade de incrementarse ata os 3,2 millóns, de ser necesario. A primeira convocatoria deste 2025 supuxo un investimento de 2,4 millóns de euros e beneficiou un total de 34 entidades.
A conselleira fixo esta valoración na súa visita ás instalacións da cooperativa Irmandiños (que forma parte de CLUN) na localidade lucense de Ribadeo, na que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo alcalde da localidade lucense, Daniel Vega.
Nesta liña, Gómez sinalou que estas achegas, que van destinadas a cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación (SAT) procedentes de fusión, supoñen para estas entidades unha importante redución dos seus custos de produción, ao tempo que se incrementa a seguridade e se fomenta o aforro enerxético. Neste caso, o importe de axuda que pode recibir cada beneficiario será do 35 % dos custos da maquinaria, con posibilidade de incrementalos ata un máximo do 50 %.
A Consellería do Medio Rural leva promovendo estas axudas dende 2015 e convocáronse anualmente dende entón, o que supuxo unha achega total de máis de 41 millóns de euros. Todo isto dá idea -subliñou Gómez- da importancia que a Xunta concede a estas subvencións e, en xeral, ao fomento do cooperativismo e á modernización do sector primario galego.
Galego









Control OJD