A Consellería do Medio Rural incrementará en 4 millóns de euros a dotación da última convocatoria de axudas destinadas a apoiar investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, publicada en decembro do 2025.
Deste xeito, a liña orientada a aumentar o valor das producións agrarias pasará dos 11 aos 15 millóns de euros, mentres que a convocatoria incorpora tamén, por primeira vez, unha liña específica para financiar investimentos con obxectivos ambientais, dotada con 7,9 millóns de euros.
O anuncio foi realizado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante unha visita á empresa láctea Celega, situada no concello lucense do Saviñao e beneficiaria destas axudas. Durante a visita, a titular do departamento destacou que estas achegas evidencian o compromiso da Xunta coa modernización e competitividade da industria agroalimentaria galega.
A conselleira lembrou que o Executivo autonómico destinou desde 2016 un total de 195 millóns de euros para financiar máis de 600 proxectos de mellora industrial, dos que unha parte significativa corresponde aos sectores lácteo e cárnico, que concentran aproximadamente a metade dos beneficiarios.
Durante o percorrido polas instalacións de Celega, Gómez puxo en valor o papel da compañía como referente do sector lácteo galego e a súa base cooperativa, pois é propiedade das cooperativas Lemos e Coreber. Tamén salientou o seu compromiso cos produtores galegos e as certificacións das que dispón en ámbitos como a seguridade alimentaria, a xestión ambiental, o benestar animal e o residuo cero.
–
Fe de erratas: O aumento do presuposto das axudas non implica unha nova convocatoria das mesmas, en contra do informado inicialmente.
Galego









Control OJD