A Xunta convoca as axudas para as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras

A Xunta convoca as axudas para as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia e se convocan para o período 2022-2023. A orde está dotada cun orzamento total de 2.150.000 euros.

A achega destes fondos, dos que poderá conceder un anticipo sen necesidade de que os beneficiarios presenten avais bancarios, mantense constante nos últimos anos e servirá para financiar o traballo que realizan estas entidades para desenvolver os programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais.

Estes programas melloran as condicións hixiénicas das explotacións e de benestar animal, elevan o seu nivel produtivo e sanitario e contribúen a acadar un mellor status sanitario para a cabana gandeira galega. Mediante estas subvencións, preténdese estimular a integración de gandeiros nestas entidades, establecendo axudas proporcionais ao esforzo económico que realizan estas agrupacións nos devanditos programas. Ademais, cabe destacar que estas agrupacións tamén facilitan o cumprimento da normativa vixente referente á identificación, ao benestar e á sanidade animal.

O obxectivo último destas axudas é a mellora do estado sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns para a prevención e control de enfermidades dos animais. Ademais, no marco do mercado actual, resulta fundamental manter o devandito estado sanitario, desenvolvendo programas destinados ao control de determinadas doenzas, mellorando a rendibilidade e asegurando a comercialización de animais e dos produtos de orixe animal. Estes programas de planificación zoosanitaria que se subvencionarán coa vindeira orde de axudas contemplan aqueles que se desenvolvan entre o 1 de marzo de 2022 e o 28 de febreiro de 2023.

Estrutura asociativa

A maiores, no contexto do mantemento do nivel da sanidade animal, resulta determinante consolidar esta estrutura asociativa das ADSG, vinculada aos propios gandeiros galegos. Así, entre as enfermidades con programa sanitario nas agrupacións atópanse a Rinotraqueite Infecciosa Bovina (IBR), a Diarrea Vírica Bovina (BVD) ou a Paratuberculose no gando bovino, ovino e cabrún. Tamén están incluídas a enfermidade de Aujeszky, no gando porcino; a salmonelose, nas explotacións aviares; ou a mixomatose e a enfermidade vírica hemorráxica, nos coellos.

Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220203/AnuncioG0426-140122-0001_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información