A Xunta contrata,mediante arrendamento na modalidade de renting, a subministración dun total de 137 novos vehículos todo terreo tipo pick-up para o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia (SPIF).
O Consello da Xunta deu esta semana o seu visto bo á contratación destes medios, que van destinados ao persoal fixo-descontinuo de nove meses das brigadas de bombeiros forestais dos distritos, que levan a cabo labores de prevención e defensa, durante os anos 2026, 2027, 2028 e 2029. Aínda así, recolle unha prórroga ata 2031. O orzamento do contrato é de 6.937.474,50 euros, IVE incluído.
A actuación será financiada no seu 100 % con fondos propios da Consellería do Medio Rural. Estes novos equipamentos súmanse aos preto de 140 con que xa se conta na actualidade, e serán empregados polos efectivos que neste 2026 traballarán por primeira vez ao longo de 9 meses, como resultado dun proceso de estabilización laboral nos últimos anos.
Os vehículos que se van alugar terán dobre cabina, con cinco prazas de capacidade. Disporán dunha potencia mínima de 150 cabalos e contarán cunha cilindrada mínima de 1.898 centímetros cúbicos. Terán, ademais, caixa redutora e tracción 4 x 4. Así mesmo, estarán dotados da pre-instalación para equipamentos emisores-receptores de radio dixital homologados, de tipo base, para o acceso á Rede corporativa de comunicación móbiles dixitais de emerxencia e seguridade de Galicia.
O Pladiga inclúe a ampliación dun 30 % da rede de videovixilancia e a creación dunha app para que a cidadanía poida alertar dos incendios forestais
A Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural manifesta a necesidade dunha serie de medios materiais, caso dos vehículos todo terreo de tipo pick-up, os cales son quen de circular con seguridade nos montes e facilitar así o desenvolvemento das tarefas de prevención e defensa dos incendios forestais que leva a cabo o persoal do dispositivo da Xunta. Con esta medida procúrase, polo tanto, mellorar a prevención e defensa fronte ao lume, proporcionando unha maior seguridade ás persoas e aos bens, tanto forestais como non forestais.
O pasado 13 de abril aprobouse no Consello da Xunta a actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2026, co maior investimento da súa historia con 213 millóns de euros. Esta cifra inclúe persoal, así como investimentos en prevención e extinción, e supón un 18 % máis de orzamento con respecto ao ano pasado.
Nel inclúense novidades tecnolóxicas, como a ampliación dun 30 % da rede de videovixilancia; a integración da IA no sistema interno de xestión e a creación dunha app para que a cidadanía poida alertar dos incendios forestais. En relación cos medios humanos, refórzase a UDEX, especializada en grandes incendios forestais, que pasa de 6 a 15 membros; e incorpóranse 42 novas brigadas para a tempada de alto risco. No eido dos medios materiais, sumaranse 16 novos bulldózeres para labores preventivas e máis medios áreos, con dous novos avións de carga en terra, un de coordinación e un helicóptero pesado.
Galego









Control OJD