A Xunta contrata con Seaga un servizo de substitución para o agro pola Covid

A empresa pública enviará unha cuadrilla de xeito gratuíto ás explotacións e pequenas industrias agroalimentarias con persoal en corentena polo coronavirus

A Xunta contrata con Seaga un servizo de substitución para o agro pola Covid

O servizo de substitución inclúe a granxas de leite, de carne, explotacións agrícolas e pequenas empresas do agro.

A Consellería do Medio Rural porá en marcha un servizo de substitución para explotacións gandeiras e empresas do agro con persoal afectado pola Covid. A iniciativa, que funcionará en principio ata xuño do próximo ano, contratarase coa empresa pública Seaga por un importe de 380.000 euros. Para as granxas e empresas do agro, o servizo será gratuíto.

O obxectivo é que as cuadrillas que participen nos servizos de substitución poidan asumir tarefas como a muxidura das vacas, a alimentación do gando ou a xestión de produtos perecedoiros, entre outras tarefas. Serán cuadrillas de dúas persoas (un maquinista – condutor e un peón especializado), dotadas de veículo e dos materiais de protección laboral e sanitarios fronte á covid.

Así, en caso de positivos e da obrigatoriedade, polo tanto, de gardar corentenas, o titular da explotación ou pequena industria con algunha persoa confinada pola covid deberá solicitar o servizo de substitución mediante unha petición telemática. Para elo terá que cubrir o procedemento xenérico da sede electrónica da Xunta (PR004A), xunto cunha declaración responsable da veracidade dos datos.

A continuación, unha vez comprobados os datos (alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, entre outros), as solicitudes serán remitidas a Seaga, para que contacte co solicitante e envíe a cuadrilla correspondente.

Este servizo ofrécese para substituír no seu traballo aquel persoal en corentena pola covid que desenvolva actividades esenciais dentro dunha explotación agrogandeira ou industria agroalimentaria, tendo en conta que a non realización destes labores esenciais provocaría grandes prexuízos no ciclo produtivo ou industrial, en moitos casos superiores a unha simple paralización da actividade. A alimentación do gando, a muxidura das vacas en lactación ou a xestión de produtos perecedoiros son algúns exemplos de labores que non se poden pospor e que se prestarán mediante este servizo.

Vacuno y ovino
Nas explotacións de vacún e ovino-cabrún, ofrecerase a posibilidade de prestar atención ao gando e de realizar a muxidura. Tamén, de facilitar alimento e auga aos animais da granxa, así como de realizar a limpeza de cortes, salas de muxidura, leitaría, zonas de paso, comedeiros e bebedoiros.

Outras tarefas que se substituirán serán as de manipulación de maquinaria para provisión de forraxes á explotación, a rega e labor de terras ou a atención a servizos externos á explotación, como veterinarios, nutrólogos, subministración de pensos, recollida de leite e retirada de cadáveres.

A acomodación de camas e zonas de descanso, a atención zoosanitaria -se for necesaria- e mesmo a atención de partos e dos animais acabados de nacer tamén se ofrecerá mediante esta prestación.

Avicultura
Do mesmo xeito, nas explotacións avícolas, a listaxe de servizos ofrecidos abrangue ámbitos como a limpeza de cortes e zonas de paso, comedeiros e bebedoiros, a subministración de auga e comida, a retirada de ovos ou a atención ás condicións térmicas e de ventilación, entre outros. Nas explotacións agrícolas ofrecerase a atención aos cultivos dentro e fóra de invernadoiros, a retirada de plásticos, enmacetar ou os traballos manuais e mecanizados no labor e/ou recollida no campo de produtos hortofrutícolas como pataca, hortalizas, froita e outros.

Empresas do agro
Por último, no caso das pequenas industrias, se todos os traballadores están en corentena, trátase de asegurar o nivel de actividade necesario para que a empresa non se paralice totalmente e poida recuperar o traballo o máis rapidamente posible, unha vez teña o seu persoal recuperado. Neste senso, valorarase, en cada caso, se é necesario achegar algún traballador para facer actividades esenciais ou cos que quedan na industria é suficiente para manter esta actividade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información