A Xunta consúltalle ó Ministerio a reapertura dos mercados locais de alimentos

Publicidade
A Xunta consúltalle ó Ministerio a reapertura dos mercados locais de alimentos

A Xunta remitiulle unha consulta ó Goberno central sobre a posibilidade de reabrir os mercados locais celebrados ao aire libre para a venda exclusiva de produtos agroalimentarios. A Administración galega envioulle a petición ó Ministerio de Agricultura, ó de Sanidade e á Delegación do Goberno en Galicia para saber como proceder despois de que o pasado 9 de abril finalizase a paralización de toda actividade non esencial.

A consulta, tal e como apuntaron dende a Consellería de Medio Rural, pretende garantir o principio de igualdade co resto de comunidades autónomas, logo de que noutras zonas do estado se estean a realizar este tipo de mercados de proximidade. De autorizarse por parte do goberno central a reapertura destes mercados locais, serán os propios concellos os que deberán aprobar a actividade nestes puntos de venda, posto que son competencia municipal.

Medidas para a reapertura

No caso de que o Estado autorizase a súa reapertura e de que os concellos a aprobasen, a venda directa nestes mercados limitaríase única e exclusivamente a produtos agrícolas e gandeiros do sector da alimentación e produtos perecedoiros.

Ademais, deberían incorporarse unha serie de medidas para reducir os riscos de contaxio de coronavirus, que xa se recollen na orde publicada o pasado 24 de marzo pola Consellería de Medio Rural sobre as condicións da actividade agrogandeira durante a emerxencia sanitaria polo coronavirus. Así, os postos deben estar separados por unha vía de tránsito e cunha distancia mínima entre eles de 6 metros, permitíndose unha separación mínima de 4 metros entre os laterais. Como forma de instalación dos postos na superficie do mercado, recoméndase unha disposición ó tresbolillo (en forma de triángulo equilátero, evitando que un punto de venda estea enfrontado a outro).

Dentro dun mesmo posto as persoas vendedoras deberán gardar entre si unha distancia mínima de 2 metros, quedando restrinxida a actividade comercial a un único operador no caso de que as medidas do posto non fagan posible esta separación física.

Nova canle de distribución

Por outra banda, a Xunta creou a rede “Mercaproximidade”, unha canle de comercialización a través dos supermercados, concibida para os produtos agroalimentarios galegos que viron reducidas as súas vendas por mor do peche da hostalaría e dos mercados municipais.

Deste xeito, poderán acollerse á iniciativa en calidade de provedores os produtores de froitas e hortalizas, os produtores de mel e produtos apícolas, así como os gandeiros de vacún, porcino, ovino e caprino, entre outros. Tamén poderán incorporarse á rede as industrias de transformación de produtos agrogandeiros inscritas no Rexistro de industrias agrarias.

Desde a súa posta en marcha xa se sumaron a esta rede grandes cadeas de distribución tales como Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -a través dos establecementos Eroski e Familia-, Carrefour, El Corte Inglés, Grupo Cuevas –a través da súa rede de supermercados Plenus- e Lidl. A iniciativa segue aberta a todas aquelas cadeas, empresas de subministración de colectividades e plataformas online que desexen sumarse.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información