
Plano da ubicación do proxecto de Altri. / Arquivo.
A Xunta de Galicia confirma, salvo sorpresa de última hora, o adeus definitivo ao proxecto da pasteira portuguesa Altri no municipio lugués de Palas de Rei, unha iniciativa presentada en maio de 2022 e que prevía estar en funcionamento en 2025.
Así o anuncio este venres a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, quen confirmou que a Xunta iniciou xa o arquivo do seu expediente tras notificar a Altri que dispón de tres meses para presentar alegacións contra o peche.
A conselleira explicou que esta decisión está motivada pola imposibilidade de conectar a planta á rede eléctrica: «A caducidade do expediente vén de que a empresa non pode xustificar a fórmula técnica non proxecto para a súa conexión. Estaba en mans do Ministerio o enchufe da compañía, mais se non existe a conexión coa subestación, o proxecto queda arquivado», anunciou en declaracións aos medios.
A pasteira necesitaba para o seu proxecto industrial, que xerou unha gran mobilización social na súa contra, contar cunha subestación eléctrica para poder conectarse á rede, pero na planificación eléctrica a 2030 do Goberno central non se contempla ese investimento: «Ata 2030 non haberá outra nova planificación. Se non conseguen entrar nesta planificación, e todo apunta a que non o farán, non sabemos que pasará. Haberá que preguntar á empresa»,
María Jesús Lorenzana criticou que con esta decisión do Goberno Central “Lugo queda absolutamente sen conexións para un proxecto industrial estratéxico que estabamos a tramitar».
O proxecto Gama, impulsado por Altri a través da súa filial Greenfiber, prevía a instalación dunha fábrica de fibras téxtiles sostibles e de produción de celulosa, con potencial para soster 500 postos de traballo (2.000 indirectos).
A fábrica de pasta soluble e lyocell que a celulosa portuguesa Altri pretendía construír en Palas de Rei consumiría entre 900.000 e 1,2 millóns de toneladas de madeira ao ano, fundamentalmente eucalipto, o que equivale aproximadamente a unha de cada 10 toneladas de madeira que se corta nos montes galegos (10 millóns de metros cúbicos o ano pasado, a metade, eucalipto). Con esa materia prima, o complexo industrial, que prevía unha parcela de máis de 200 hectáreas, fabricaría unhas 200.000 toneladas anuais de pasta soluble (DWP).
Galego









Control OJD