A Xunta comprométese a facer nos meses da primavera o saneamento gandeiro nas granxas en extensivo

Dende outubro explotacións da Terra Chá veñen denunciando numerosos prexuizos vinculados ás deficiencias á hora de levárense a cabo as campañas anuais

A delegación de gandeiros da Terra Chá e a coordinadora do SLG, antes da xuntanza con Balseiros

A delegación de gandeiros da Terra Chá e a coordinadora do SLG, antes da xuntanza con Balseiros

A coordenadora na Terra Chá do Sindicato Labrego Galego, Margarida Prieto Ledo, acompañou esta semana a gandeiras e gandeiros da comarca a unha xuntanza co director xeral de Gandería, José Balseiros, para lle expor os problemas que veñen sufrindo polas “deficiencias nas campañas de saneamento”. 

Segundo afirma o SLG, “a Consellaría do Medio Rural admitíu que efectivamente está a haber un mal funcionamento da campaña de saneamento, e que así fora trasladado xa á empresa”. Das propostas realizadas polas gandeiras e gandeiros asistentes á xuntanza, Balseiros comprometeuse a que a partir de agora as campañas se saneamento se fagan na primavera, que é a época máis idónea, e quedou en estudar a posibilidade de que as ganderías teñan acceso a todos os resultados das probas online na oficina virtual, en lugar de ter que pedilo cada gandeiro como está a acontecer na actualidade.

A Consellaría tamén se comprometeu a valorar poder facilitar ás gandeirías información do historial sanitario dun animal, antes de mercalo e incorporalo, así como a actualizar as vinculacións entre as propias gandeirías, dado que as actuais non se corresponden coa realidade.

Os representantes das granxas afectadas presentaron unha batería de medidas, entre elas a realización da proba comparada e o incremento das indemnizacións por sacrificio

Non resultou sen embargo receptivo o director xeral de gandería ante a proposta de que se active unha solicitude de axudas para compensar a estas explotacións, aínda que dixo que se comprometía a valoralo, ao tempo que informou de que por parte do Ministerio estanse a revisar os varemos de indemnización.

Protestas desde o mes de outubro

A delegación dos produtores, formada por Josefina Cillero Chao da Balsa (Muras), Henar Román Fernández Labrada (Abadín) e Senén Lamelas (Fanoi), denunciou os problemas que están a sufrir as explotacións por mor do “prolongado mal funcionamento do servizo de saneamento animal”, implicando nalgúns casos perdas económicas. “O sustento de moitas familias está en grave risco”, dixeron. 

O sustento de moitas familias está en grave risco

As granxas da comarca levan organizándose e denunciando dende outubro do ano pasado unha situación que non só está a incrementar a súa carga de traballo e provocando un considerable aumento de custos e perdas, senón tamén “infrinxindo un deterioro importante do medio debido á reducción da carga gandeira e ao cambio e manexo dos animais, conlevando o desprestixio das explotacións afectadas e incrementando as dificultades que impiden que a xente moza fique ou se incorpore á actividade agraria, acentuando o despoboamento das áreas rurais”, denuncian. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información