
Labores de reunión do gando en Silleda (Foto: Bernabé)
Esta tarde celebrouse unha reunión en Santiago de Compostela entre o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, e representantes dos compradores que cada martes acoden á Central Agropecuaria de Galicia, en Silleda.
O obxectivo desta primeira toma de contacto é desbloquear o conflicto que manteñen dende hai dúas semanas boa parte dos compradores de becerros de recría e a dirección da Central Agropecuaria de Galicia ante a decisión desta última de impor a dixitalización obrigatoria da poxa a través dunha aplicación propia no teléfono móbil.
A Xunta, administración coa maior representación no recinto feiral de Silleda, comprometeuse a analizar a información trasladada polos representantes dos compradores e a presentar unha proposta no prazo máis breve posible.
“O conselleiro escoitounos, o que é de agredecer, e trasladámoslle que as actuais instalacións de Silleda están pensadas para aloxar uns 500 becerros de recría e nos últimos anos aumentouse moito e chegouse a unha media de 1000 becerros en cada poxa. É dicir, as actuais instalacións quedáronse claramente pequenas e co volume de gando que hai fáisenos moi difícil traballar coa aplicación dixital, sobre todo para aqueles compradores que adquiren un importante número de animais”, explica Marisol López Núñez, representante da Asociación Galega de Empresarios do Gando.
En todo caso, tamén lembra que para o vindeiro martes os compradores críticos seguirán sen acudir a Silleda, polo que urxe á Xunta a que presente propostas para solucionar o conflicto. “A ninguén nos interesa que se manteña esta situación, todos queremos seguir operando con normalidade en Silleda, pero o que non pode ser é que dende a dirección da Central Agropecuaria de Galicia se pretenda impornos un sistema de poxa sen contar para nada con quenes a facemos posible”, conclúe a representante do colectivo de tratantes.