A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

A Xunta complementa a súa aposta pola extinción de incendios cunha nova base aérea transfronteiriza entre Verín e Oímbra

Esta infraestrutura conta cun aeródromo cunha pista de aterraxe de case 1.200 metros de lonxitude con capacidade para seis aeronaves de carga en terra

A Xunta complementa a súa aposta pola extinción de incendios cunha nova base aérea transfronteiriza entre Verín e Oímbra

A nova base aérea de Verín-Oímbra entrou xa en funcionamento para a actual campaña de risco de incendios. Trátase da primeira infraestrutura transfronteiriza deste tipo entre España e Portugal. As instalacións están enmarcadas no programa Interlumes, baixo o proxecto europeo Interreg (POCTEP) e constitúense como a obra de maior dimensión levada a cabo polo Goberno galego nos últimos anos dentro da loita contra o lume.

O obxectivo principal desta base, que contou cun orzamento de preto de 5,5 millóns de euros, é mellorar e intensificar a capacidade operativa de resposta na extinción de incendios forestais, consolidando os mecanismos de cooperación na fronteira hispano-lusa.
As súas instalacións están orientadas sobre todo a traballos de extinción, pero tamén favorecerán outras tarefas de prevención no sur de Ourense, co obxectivo final de poder anticipar aos lumes e limitar as súas consecuencias.

Vista exterior do edificio. Cedida

Vista exterior do edificio. Cedida

Esta infraestrutura conta cun aeródromo cunha pista de aterraxe de case 1.200 metros de lonxitude con capacidade para seis aeronaves de carga en terra. A maiores, dispón dunha plataforma de estacionamento para ata catro helicópteros.

A nova base de Verín-Oímbra conta tamén con instalacións de carga de combustible e ata catro depósitos de auga, cun deseño semisoterrado para non interferir coas operacións das aeronaves. Neste sentido, deseñouse un sistema con dúas estacións de carga de avións co fin de permitir a realización de operacións de xeito simultáneo e totalmente independentes sen interferir, independizando a carga dos avións e os helicópteros.

As instalacións nas que se atopa a torre de control gozan cunha visión de 360º completa e acristalada, co fin de mellorar e facilitar as tarefas que se levan a cabo dende ese espazo. A torre de control está equipada con dous almacéns independentes na planta baixa; mentres que no primeiro e o segundo andar se atopan a sala de instalacións e a de control.

Nesta estrutura única tamén se integra a zona de tripulación. Dentro do edificio distínguense tres zonas divididas que permiten o aloxamento, en espazos diferenciados, para as tripulacións de avións, helicópteros e brigadas contra incendios. Todas as zonas contan con sala de estar, habitacións e aseos, configurándose como un espazo no que conciliar traballo e descanso.

Interior das oficinas de traballo. Cedida

Interior das oficinas de traballo. Cedida

Aposta da Xunta pola prevención e extinción de incendios
A base aérea de Verín-Oímbra súmase a outras accións levadas a cabo polo Goberno autonómico nesta materia. A actualización deste 2024 do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) contempla unha serie de novidades que buscan facer máis efectiva a loita contra os lumes, como a adquisición de novas máquinas hidrostáticas polivalentes, a ampliación da rede de videovixilancia ou a instalación de novos equipos informáticos e da aplicación informática Xeocode Lite nas motobombas do Servizo.

No eido das infraestruturas, cómpre lembrar a mellora da base aérea de San Xoán de Río, na provincia de Ourense, cun investimento superior aos 1,2 millóns de euros. Destaca tamén a posta en funcionamento do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén, nesta mesma provincia, e no que se investiron máis de 3,5 millóns de euros para convertelo nun espazo de referencia para a formación, a cooperación e a investigación en materia de incendios forestais.

O espazo conta cun servizo de cociña. Cedida

O espazo conta cun servizo de cociña. Cedida

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *