A Xunta comparte coas Illas Azores a súa experiencia para profesionalizar e dinamizar o sector lácteo

A Xunta comparte coas Illas Azores a súa experiencia para profesionalizar e dinamizar o sector lácteo

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada de técnicos da Consellería do Medio Rural, mantivo esta semana un encontro por videoconferencia con representantes do Goberno dos Azores, interesados en coñecer a experiencia da Xunta no incremento da profesionalización e da competitividade do sector lácteo da nosa comunidade.

Na xuntanza, tratáronse os avances no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo implementada polo Goberno galego a finais de 2020, con accións no eido da produción, da industria, dos mercados, da cadea de valor e da formación e investigación. Así, o executivo azoriano amosouse interesado -por exemplo- nas vantaxes que ofrece a aplicación Conta Láctea, que permite aos gandeiros mellorar a xestión empresarial das súas explotacións calculando os seus custos de produción e reforzando, en consecuencia, a súa posición negociadora dos prezos do leite ante as industrias.

Coa vista posta nas axudas da nova Política Agraria Común (PAC) e nas novas esixencias aos gandeiros en materia ambiental, os representantes deste goberno rexional de Portugal tamén mostraron interese nas liñas de traballo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. En concreto, nas que inciden na mellora dos pastos e na valoración nutricional de forraxes, co obxectivo de aumentar e mellorar a produción de leite desde un punto de vista sustentable.

Por parte da Xunta, ademais da directora xeral estaban presentes na reunión o xefe do Servizo do Sector Lácteo e Mercados Agrícolas do Fondo Galego de Garantía Agraria, Pablo Fernández, ademais do xefe de área do departamento de Promoción da Calidade Alimentaria da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Ramón Lamelo.

Pola súa banda, o Goberno dos Azores estivo representado por Carolina Câmara, presidenta do Instituto de Alimentação e Mercados Agrícolas, por Eduarda Oliveira, técnica especialista do Gabinete do Secretário Regional da Agricultura e do Desenvolvimento Rural, e por Susana Sebastião, directora do Gabinete de Planeamento da Secretaria Regional da Agricultura e do Desenvolvimento Rural.

Máis información sobre a produción de leite nos Azores

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información