A Xunta cede instalacións para a sede do Consello Regulador da DO. Ribeiro

Publicidade
A Xunta cede instalacións para a sede do Consello Regulador da DO. Ribeiro

Sinatura do convenio de cesión entre a conselleira e o presidente do CRDO Ribeiro

A Consellería do Medio Rural ven de ceder parte do inmoble da Oficina Agraria Comarcal de Ribadavia ao consello regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, co fin de que serva como sede desta entidade. A conselleira Ángeles Vázquez formalizou este mércores esta cesión, coa sinatura do correspondente documento oficial. Son en total algo máis de 700 metros cadrados nas plantas segunda e baixo cuberta deste edificio, situado en pleno centro da capital do Ribeiro.

Ángeles Vázquez sinalou que esta cesión faise para atender unha demanda do Consello Regulador, desde o que tamén se trasladou a necesidade de fomentar a mobilidade de terras e de xestionar adecuadamente o minifundismo que caracteriza o viñedo galego. Así mesmo, os viticultores e adegueiros solicitaron á conselleira que se reforcen as accións de promoción dos viños do Ribeiro –e dos galegos en xeral– nos diferentes mercados.

Visita á Adega Pousadoiro e á cooperativa Viña Costeira

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez visitou este mércores as instalacións da adega Pousadoiro, situada no concello ourensán de Castrelo de Miño e pertencente á denominación de orixe Ribeiro. A conselleira coñeceu tamén a cooperativa Viña Costeira, en Ribadavia. Na visita estivo tamén presente o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Felicísimo Pereira.

Nesta adega, a conselleira destacou o esforzo e compromiso da Xunta a prol do sector vitivinícola galego, que se plasma tanto a través de axudas para o fomento desta actividade e cara a súa promoción e internacionalización como con medidas destinadas a favorecer a transformación e comercialización da súa produción.

Así, Ángeles Vázquez lembrou que a Xunta destina na convocatoria de 2017 un total de 27,4 millóns de euros en achegas para apoiar a transformación dos produtos agroalimentarios galegos en xeral, que se resolverá en breve, e os viños en particular, xa que destas achegas poden beneficiarse tamén as adegas. Estes fondos farán posible un investimento inducido no agro galego duns 128 millóns de euros.

A adega Pousadoiro produce actualmente uns 12.000 litros de viño ao ano e ten como obxectivo chegar aos 20.000 nun prazo breve. As súas marcas comerciais son Pousadoiro, Doña Gota e Norte y Sur. As variedades de uva que manexan son principalmente Treixadura e Godello. Tamén algo de Torrontés, Albariño e Loureira. Están empezando con Caíño Longo (variedade tinta). Ademais de producir viño –vende aproximadamente a metade da produción no mercado galego, un 30% vaise para o mercado nacional e o 20% restante para a exportación–, esta adega organiza tamén visitas guiadas para dar a coñecer as súas instalacións.

Neste percorrido polo Ribeiro a conselleira visitou tamén a cooperativa Viña Costeira, onde se interesou pola súa actividade e a súa condición de referente nesta denominación de orixe, xa que factura anualmente arredor de 9 millóns de euros e ten unha capacidade de produción de 5,5 millóns de quilos de uva, empregando a tempo completo a 39 traballadores.

A Evega e a Asociación Galega de Enólogos organizan en Zaragoza unha cata de viños brancos galegos

evega_zaragoza

No centro, Juan Casares, director da Evega, con representantes da Asociación Galega de Enólogos en Zaragoza

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), adscrita á Consellería do Medio Rural, e a Asociación Galega de Enólogos (Age) organizaron este mércores en Zaragoza unha cata de viños brancos galegos no marco do 21 Salón internacional de maquinaria e equipos para bodegas e do embotellado (Enomaq), que se celebra ata mañá venres en Zaragoza.

Esta cata fíxose cos viños que resultaron gañadores no I Certame internacional de brancos galegos celebrado os días 8, 9 e 10 do pasado mes de novembro de 2016 en Ourense. No acto levouse a cabo unha presentación e exposición das características das cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia e catáronse os viños das adegas gañadoras neste concurso: Dolores Fontán Limeres; Bodegas Martín Códax, S. A. U.; Enoturismo Acha S. L. – Davide (os tres da Denominación de Orixe Rías Baixas) e a adega Amodiño, S. L., pertencente á Denominación de Orixe Ribeiro.

Ademais, nesta mesma cita de Zaragoza realizouse unha cata e presentación do viño branco Evega 2015, o primeiro de carácter institucional que elaborou a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia con fins protocolarios e que foi presentado publicamente o pasado 20 de maio de 2016.

O certame Enomaq, que se desenvolve con carácter bianual nas instalacións do recinto da Feira de Zaragoza, acolle diversas exposicións relacionadas coa maquinaria para as adegas e para o embotellado, así coma unha mostra das novidades en enoloxía e laboratorios analíticos. De forma paralela celébranse xornadas técnicas e actividades de cata e degustación de viños de varios puntos da xeografía española.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información