A Xunta cargaralle custos de extinción de lumes a propietarios infractores

A lei de acompañamento dos presupostos establece que a Administración procederá de oficio contra as parcelas que non respetasen a distancia de arborado a vivendas ou vías de comunicación. Indignación entre colectivos de propietarios forestais

A Xunta cargaralle custos de extinción de lumes a propietarios infractores

Lume este outono preto das vivendas, en Baiona.

A lei de acompañamento dos presupostos de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia, trouxo unha sorpresa maiúscula para o sector forestal. A Xunta lexislou para cargarlle custos de extinción de lumes a propietarios que incumpran a normativa forestal. A medida aplicaráselle a titulares de terreos afectados por un lume e que incumprisen previamente a súa obriga de xestionar o mato ou retirar árbores próximos a vías de comunicación ou núcleos habitados.

Como xa vén sendo habitual, a Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, que acompañou ós presupostos 2018 da Xunta, aproveitouse para modificar unha serie de cuestións relativas á normativa forestal. A maioría dos cambios xa eran coñecidos, pero a decisión de repercutir custos de extinción sobre propietarios colleu de sorpresa ás asociacións do sector forestal, que non foran consultadas previamente.

“Se no rural hai problemas para xestionar o monte é polo abandono e despoboamento. O obxectivo debería ser xerar actividade produtiva” (Jacobo Feijoo, Asefoga)

A medida, que se fai por medio dun cambio na Lei 3/2007 de Prevención de Incendios Forestais, suscitou onte reaccións de indignación en parte do sector. A Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), un colectivo de propietarios ligado a Unións Agrarias, fala abertamente de “burla e falta de respeto á realidade do rural”. “Estamos ante unha medida que nace coa idea de quedar ben ante a sociedade urbán, pero que desprecia a realidade do rural”, critica o responsable de Asefoga, Jacobo Feijoo.

“Se no rural hai problemas para xestionar axeitadamente o monte é porque hai abandono, despoboamento e xente maior. O obxectivo da Xunta debería ser a xeración de actividade produtiva, pero que fixo nos últimos oito anos a Admnistración para incentivar a agrupación da xestión forestal? Nada. En lugar de traballar para xerar actividade, atopámonos con este disparate, que ademais xenerará arbitrariedade nas decisións que tomen os axentes forestais”, pronostica Jacobo Feijoo.

Contexto
A Administración xa incluíra nos dous últimos Plans de Defensa contra Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) a posibilidade de investigacións post-incendio para sancionar ós propietarios que infrinxiran a normativa forestal. Agora, na lei de acompañamento dos presupostos, dáse un paso máis e lexíslase para cargar custos de extinción sobre propietarios que incumpran a normativa relativa a distancias, así como sobre persoas titulares de parcelas concentradas que estean en estado de abandono.

“Entramos en agosto en Ourense con só un 30% das accións de prevención licitadas. Con este expediente, falan de multar ós propietarios?” (Jacobo Feijoo)

A lexislación estipula que os custos de extinción repercutiranse sempre que da investigación post-incendio se desprenda que os incumprimentos dos propietarios influíron na “produción, na propagación ou agravación da intensidade e nos danos provocados polo incendio forestal (…) Os gastos repercutiranse ás persoas mencionadas en proporción á contribución dos incumprimentos que lles sexan imputables”.

Asefoga considera un “disparate” a medida, publicada onte no Diario Oficial de Galicia. “Se lle van cargar custos de extinción a propietarios, que non haberá que facer coa Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal e co persoal dos Distritos Forestais, que entran en cada campaña de lumes sen executar ningún tipo de prevención de incendios nos montes conveniados?”, pregúntase o responsable de Asefoga, que conclúe cun dato: “Este ano entramos no mes de agosto na provincia de Ourense con menos dun 30% das accións de prevención licitadas. Con ese expediente, queren multar e cargarlle custos de extinción ós propietarios?”.

Feijoo matiza que está de acordo en controlar as distancias de arborado e mato a vivendas e núcleos de poboación, para o que xa hai -di-, unha lexislación suficiente: “Por suposto que hai que defender as casas. Pero xa existe unha.lexislación que por un lado obriga e sanciona ao.propietario.en caso de incumprimento e polo outro obriga a limpar forzosamente á Administración en caso de que o propietario non o faga. Entón, se hai vexetacion que ameaza as casas sería por neglixencia do propietario e neglixencia da administración que non fai a execución forzosa, e esta nova norma non engade nada novo”.

Por último, o responsable de Asefoga apunta á situación de amplas comarcas do interior: “Se deixamos as casas e nos metemos no monte, hai comarcas e concellos enteiros que técnicamente estarían en grado alto de incumprimento da lei, polo abandono e falta de investimentos. Vai facérselle pagar a extinción destes concellos enteiros aos seus habitantes e a xente maior que bastante ten con ir tirando cunha pensión? Esta é a realidade social que temos e o que fai a Xunta é lexislar cara á galeria e non querer enfrontar os problemas de fondo”.

Un axente forestal coloca un cartel que avisa do incumprimento da normativa de distancias do arborado a vías de comunicación.

Un axente forestal coloca un cartel que avisa do incumprimento da normativa de distancias do arborado a vías de comunicación.

Campaña de control das distancias do arborado

Medio Rural iniciou no último trimestre do ano unha campaña para o control do arborado á beira das estradas, de cara a que se cumpran as distancias reglamentarias, que establecen para o caso das plantacións de piñeiro e eucalipto unha franxa de 10 metros libre de vexetación, que se reduce en pistas forestais principais a 4 metros. Desde outubro, a Consellería sinala que leva inspeccionados 85 predios, dos que 43 xa correxiron as infraccións.

A actuación iniciouse na provincia da Coruña, cun traballo de campo que incluíu a sinalización cun cartel indicando as plantacións que estaban cometendo ilegalidades, a fin de que os seus propietarios procederan a correxir a situación. O aviso público trata tamén de xerar pedagoxía no entorno, de cara a que haxa coñecemento sobre a normativa.

Os propietarios afectados teñen un prazo de actuación, sinalado no propio cartel, ata que os técnicos da Xunta volvan a inspeccionar a zona. Respecto aos resultados, das 85 parcelas identificadas, corrixíronse xa as infraccións en 43 delas. Noutras oito estase traballando na actualidade e outras seis teñen xa denuncias en tramitación. Nas 28 restantes estase a falar cos propietarios para resolver a situación.

Estas novas actuacións continuarán no 2018 e estenderanse a toda Galicia, segundo a Consellería do Medio Rural, que sinala que desde 2012 abriu máis de 5.000 expedientes por incumprimento das normativas ligadas ó sector, dos que 1.500 remataron en multa.

Una idea sobre “A Xunta cargaralle custos de extinción de lumes a propietarios infractores

  1. Eliseo Evaristo Couto Castro

    Xa o dixen mais veces e ainda ei de repetilo, hai montes que hai mais de 25 anos que non se desbrozan e non arderon nunca

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información