A Xunta baralla restrinxir a plantación de eucaliptos sobre piñeirais cortados

O PP e o PSdeG acordaron conxuntamente no Parlamento a incoporación á normativa de tal prohibición, en función dos Plans de Ordenación por Distrito Forestal

A Xunta baralla restrinxir a plantación de eucaliptos sobre piñeirais cortados

O eucalipto está a gañar espazo en comarcas do interior nas que o piñeiro era maioritario.

O Plan Forestal de Galicia que a Xunta deseñou para os próximos vinte anos marca uns obxectivos claros. Quere deterse a expansión da superficie de eucalipto, aumentar as masas de piñeiro nun 23% (+ 100.000 hectáreas) e as de frondosas en arredor dun 10%. Un dos problemas de tal planificación é que choca coa realidade do que están a facer os propietarios forestais. O piñeiro non aumenta superficie, senón que retrocede. En boa parte de Galicia, salvo na provincia de Ourense, é habitual nos últimos anos a plantación de eucaliptos sobre os piñeirais que se cortan. A Xunta baralla agora restrinxir esa práctica.

A comisión parlamentaria que estudou os incendios e a política forestal aprobou unha proposta conxunta do PP e do PSdeG para incorporar á normativa “a prohibición de plantación de eucaliptos en plantacións previas de piñeiro, en función dos Plans de Ordenación por Distrito Forestal (PORF)”, segundo se recolle nas directrices aprobadas na comisión. Ambas formacións están tamén de acordo en establecer límites á proporción de eucaliptos no conxunto das novas plantacións, novamente a través dos PORF.

Prevese que os Plans de Ordenación por Distrito Forestal establezan límites á proporción de eucaliptos no conxunto das novas plantacións

As posibles restriccións á sustitución de piñeirais por plantacións de eucaliptos non se prevén, por tanto, inminentes. O Plan Forestal de Galicia aprobarase previsiblemente a finais de ano ou comezos do 2019 e será no periodo 2019-2024 cando se aproben os primeiros Plans de Ordenación de Recursos Forestais (PORF), dos que se dotará a cada un dos 19 distritos forestais de Galicia. Por medio dos PORF, a Xunta proxecta levar á práctica a planificación prevista no Plan Forestal.

O Plan fala de limitar o crecemento do eucalipto a 25.000 hectáreas (+8%), pero no sector dáse por feito que ese aumento xa se produciu nos últimos anos, pois o último inventario forestal data do 2009. Cando haxa un novo inventario, aclararase o escenario actual.

Perspectivas
En calquera caso, a decisión de limitar o eucalipto xera consenso entre todos os grupos políticos, se ben desde a oposición de En Marea e BNG considérase unha mera declaración de intencións da Xunta. Distinta é a percepción da cadea monte-industria sobre as restriccións ó eucalipto.

Os argumentos que esgrime unha parte do sector forestal son claros. Unha plantación de eucaliptos para pasta de papel córtase en 12-15 anos e xera para o propietario similares ingresos ou superiores ós que proporciona un piñeiral talado ós 30 anos. O reto, pensan colectivos do sector, debe pasar por convertir en atractivas as plantacións de piñeiro sen establecer prohibicións ó eucalipto maiores ás que xa hai. Cómpre lembrar que na actualidade xa está prohibida a plantación de eucaliptos en masas de frondosas caducifolias e en terras agrarias, así coma as novas plantacións en Rede Natura.

O reto para o piñeiro, valórase desde o sector, pasa por lograr que as masas de piñeiro funcionen en por si. Potenciar a mellora xenética das plantas, apoiar os tratamentos silvícolas para a obtención de madeira de calidade e buscar vías para fortalecer a rendibilidade que obteñen os propietarios. En tal liña de traballo, Finsa e a Asociación Forestal de Galicia asinaron recentemente un acordo para revalorizar a madeira de piñeiro de calidade.

Fronte ós argumentos contrarios ás restriccións ó eucalipto, o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, ten advertido da posibilidade dunha sobreoferta de eucalipto nitens a poucos anos vista, coa conseguinte caída de prezos, unha perspectiva sobre a que tampouco hai consenso no sector forestal. O debate segue aberto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información