A Xunta autoriza as rozas e os traballos de mantemento e limpeza nos montes

Medio Rural permite realizar tarefas de debroce nas parcelas en solo rústico e nas fincas urbanas de núcleo rural e urbanizable. As persoas deberán levar consigo unha declaración responsable das parcelas nas que van traballar

Publicidade
A Xunta autoriza as rozas e os traballos de mantemento e limpeza nos montes

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural que autoriza a desenvolver actividades de roza, mantemento e limpeza nos montes ou terreos forestais. Os traballos poderán realizarse nos predios situados en solo rústico, así coma nas fincas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

A medida foi acordada polo Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria, que xa reactivara en días pasados a obriga da limpeza das faixas secundarias -as dos 50 metros máis próximos ás vivendas. Dende a Consellería de Medio Rural indican que tiveron en conta a proximidade da época de alto risco de incendios, así coma o tempo transcorrido dende a primeira declaración do estado de alarma, a evolución da pandemia e a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, para permitir estas actividades no monte.

A resolución autoriza a realizar traballos de xestión de biomasa nos montes ou terreos forestais, nos predios en solo rústico que alberguen especies vexetais leñosas ou herbáceas, así como nas fincas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable. As rozas, limpezas ou tarefas de mantemento poderán levalas a cabo os titulares desas parcelas ou as persoas que ostenten dereitos sobre as mesmas que as habiliten a tal fin.

Declaración responsable

Para xustificar o desprazamento, os interesados deberán levar consigo unha declaración responsable que comprenda as fincas nas que van traballar, incluíndo a identificación da parcela e a súa referencia catastral. Tamén terán que portar os apeiros, utensilios ou ferramentas necesarios ou, de non levalos, incluír na declaración responsable que os teñen depositados na finca ou lugar determinado.

Se os titulares dos terreos teñen contratado con terceiros a xestión da biomasa e precisan desprazarse ás leiras para dirixir os traballos ou por calquera outro motivo relacionado cos labores deberán incluír na declaración responsable os datos da empresa ou persoa contratada: nome ou razón social, NIF, domicilio ou sede e a previsión das datas nas que se levarán a cabo os traballos. Neste caso, non será obrigatorio levar os apeiros, utensilios ou ferramentas.

-Consulta aquí a resolución en detalle.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información