A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, anuncia que vai executar na última semana deste mes de outubro o anticipo dos pagos da Política Agraria Común (PAC) referidos á solicitude única de 2025, que ascenden a un total de 43,9 millóns de euros, distribuídos do seguinte xeito: 10,3 millóns para vacún de carne e 33,6 millóns para vacún de leite, o que supón o 70% do previsto para ambas liñas de apoio.
Así se traslada dun informe elevado hoxe a Consello da Xunta. Poucas veces estes pagos se executaron en outubro, e ademais supón o maior importe dos últimos anos neste mes. En 2024 pagáronse 43 millóns de euros, en 2023 pouco máis de 2 millóns e en outubro de 2022 non se pagou nada, pagouse en novembro.
“O resto dos pagos comezará a aboarse a partir do vindeiro día 1 de decembro, consonte á normativa vixente, de maneira que na primeira quincena dese mes pagarase ata o 90% do orzamento total e os pagos continuarán durante 2026 ata o 30 de xuño”, explican dende Medio Rural.
En total, Galicia recibirá máis de 180 millóns de euros para as axudas directas nesta campaña da PAC, que a maiores dos diferentes pagos directos (fondos Feaga), incluirán tamén axudas agroambientais e Zonas con Limitacións Naturais (fondos Feader).
Este adianto ten como fin proporcionar un fluxo de efectivo para axudar aos agricultores e gandeiros a facer fronte aos seus gastos operativos durante o presente ciclo agrícola.
A campaña 2025 da PAC comezou o día 6 de marzo coa apertura do prazo para presentar a solicitude única, que remataba inicialmente o 30 de abril pero, debido á complexidade da propia solicitude, ampliouse ata o 31 de maio.
Decisión da Comisión Europea
Este pago é posible despois de que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación adiantase 2.563 millóns de euros aos organismos pagadores das comunidades autónomas que solicitaron fondos para realizar o pago dos anticipos aos beneficiarios das axudas directas da Política Agraria Común (PAC) correspondentes ás solicitudes de axuda presentadas en 2025. A cantidade que corresponde á Comunidade de Galicia é de 44 millóns de euros.
A Comisión Europea autorizou este ano, tras a petición de España e outros Estados membros, o incremento do pago anticipado de ata o 70 % do importe de axudas directas en forma de anticipo, co fin de dotar dunha maior liquidez aos agricultores e gandeiros da UE no comezo da campaña agrícola e axudarlles así a facer fronte ao impacto dos actuais conflitos en Ucraína e en Oriente Próximo e das condicións climáticas adversas en distintas zonas.
Galego









Control OJD