A Xunta aprobará antes do verán unha nova convocatoria das axudas para fomentar a construción en madeira

A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, visita no Porriño á empresa Enpezas, especializada en edificacións modulares en madeira

A Xunta aprobará antes do verán unha nova convocatoria das axudas para fomentar a construción en madeira

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Industria Forestal XERA, aprobará antes do verán unha nova convocatoria da liña de axudas para fomentar a construción en madeira, dotada con 2 millóns de euros para 2026.

Lorenzana visitou hoxe no polígono da Granxa (O Porriño) a empresa Enpezas, dedicada á construción modular en madeira. Alí explicou que a Xunta leva convocado esta liña de apoios (bienal) desde o 2020, que foi subindo en orzamento ata acadar na última convocatoria (2022-2024) os 5 millóns de euros que se prevén, tamén, para a vindeira. Nesa última edición resultaron beneficiados 250 pemes e particulares. E, desde 2020, foron 589 os beneficiarios cun importe total de 9 millóns de euros.

Son axudas que poden chegar ata o 70 por cento do gasto subvencionable e que cobren a utilización de produtos en madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma, tanto de naves e establecementos como de vivendas unifamiliares; así como a redacción dos respectivos proxectos. É unha liña de apoios pioneira en España que, de feito, foi obxecto de interese por parte doutras comunidades autónomas.

Lorenzana avogou por seguir dando impulso en Galicia á construción industrializada en madeira, tendo en conta que a comunidade autónoma concentra preto do 50 por cento da produción de madeira de España e que ten capacidade para exportar sistemas construtivos e solucións industriais completas.

Segundo dixo durante a súa visita ó Porriño, Enpezas é o exemplo de como a construción industrializada introduce tecnoloxía, planificación e novos procesos produtivos desde o deseño ata a execución da obra. E, tamén, de como permite reducir prazos, investimento e residuos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información