A Xunta aproba axudas de préstamos bonificados para os produtores afectados pola xeada e a saraiba

A liña de axudas da Xunta será de 500.000 euros para os produtores afectados polas xeadas e a saraiba, que poderán solicitar préstamos bonificados a custe cero cos que facer fronte aos pagos. Poderanse solicitar ata o 15 de novembro. As organizacións agrarias consideran que “as axudas só valeran para algunhas empresas, non para os produtores”

Publicidade
A Xunta aproba axudas de préstamos bonificados para os produtores afectados pola xeada e a saraiba

Manifestación o 23 de maio en Ourense en demandas de axudas para os produtores.

O Consello de Goberno da Xunta aprobou este xoves unha nova liña de axudas de 500.000 euros para facilitar o acceso das explotacións agrarias afectadas polas xeadas e sarabias deste ano a préstamos bonificados, a custo cero, para financiamento de circulante ou refinanciamento de pasivos.

A Xunta intenta paliar así os graves danos producidos polas xeadas de abril e pola saraibada de finais de agosto a, entre outros, viticultores e produtores de castaña, unha parte importante dos cales quedaron este ano coa produción moi minguada. Sen embargo, de momento nada se di no acordo do Consello da Xunta se incluirán nesta liña de axudas aos apicultores e aos gandeiros afectados pola seca, polo que haberá que agardar á publicación da orde de axudas no Diario Oficial de Galicia.

A nova liña de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitará a mobilización de financiamento bancario, con préstamos a partir de 3.000 euros sen custos financeiros, para que as explotacións agrarias afectadas polas xeadas e as sarabias poidan funcionar con normalidade, aprazando os seus pagamentos para facer fronte ás previsibles reducións de ingresos, e para agardar polo cobro, se é o caso, das indemnizacións dos seguros.

Deste xeito, as explotacións produtoras ou transformadoras de uva, pataca, castaña, cereal e outros produtos de horta ou froiteiras poderán aprazar os seus pagamentos adaptándoos aos ingresos e reforzar, ao mesmo tempo, as súas estruturas financeiras como empresas. Cun orzamento inicial de 500.000 euros, que se poderá ampliar en caso de ser necesario, a nova liña financeira facilitará a mobilización de 3,5 millóns de euros en préstamos bonificados–a custo cero– para circulante ou refinanciamento de pasivos, co obxectivo de que as explotacións agrarias prexudicadas poidan facer fronte ás consecuencias da adversa climatoloxía.

As solicitudes poderán presentarse ata o 15 de novembro

As solicitudes poderán presentarse ata o día 15 do próximo mes de novembro e, deste xeito, os agricultores terán a posibilidade de acceder ao financiamento habilitado para facer fronte a previsibles reducións de ingresos ou para agardar polo cobro das indemnizacións dos seguros que lles correspondan.

As organizacións agrarias reclamaban axudas directas

As organizacións agrarias, en especial Unións Agrarias, o Sindicato Labrego Galego e a Fruga, veñen reclamando dende as fatídicas xeadas de finais de abril que a Administración puxera en marcha axudas directas para viticultores e demais produtores agrarios afectados. Tamén subvencións nas cotas á Seguridade Social e redución dos módulos do IRPF.

Neste sentido, o secretario de Agricultura de Unións, José Ramón González, lembra que “malamente se pode endebedar un viticultor se non vai ter colleita este ano para devolver os préstamos”.

“Estas axudas non valen para nada, agás para algunha adega ou industria agroalimentaria que pode aproveitalas para refinanciar a súa débeda con préstamos baratos”, advirte.

José Ramón González conclúe que “a única medida efectiva para paliar a grave situación na que se atopan moitos produtores debido ás inclemencias meteorolóxicas deste ano é mediante axudas directas, unha medida que permite a Comisión Europea a través das axudas de mínimis, e que outras comunidades gobernadas polo PP, como A Rioxa, si puxeron en marcha”.

E en opinión de Xurxo Álvarez, presidente da FRUGA e viticultor de Cenlle, na comarca do Ribeiro, “esta medida non é unha axuda; en todo caso é unha medida que favorece ás entidades bancarias, non a nós”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información